A Deputación chega con +Escénicas a Silleda este domingo coa obra “Made in Galiza” de Sarabela Teatro

O espectáculo teatral, dirixido a todos os públicos, representarase ás 19:00 horas no Auditorio Manuel Dopazo

19/03/2026

A Deputación de Pontevedra leva este domingo 22 de marzo o circuíto +Escénicas ao Concello de Silleda da man da compañía de teatro Sarabela Teatro que representará “Made in Galiza” no Auditorio Manuel Dopazo ás 19:00 horas. Trátase dunha actuación enmarcada na segunda edición desta iniciativa provincial, que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia cun orzamento de 195.000 euros, 45.000 euros máis que na súa primeira convocatoria.

“Made in Galiza” é un espectáculo dirixido a todos os públicos que transita por momentos recoñecibles no día a día, combinando temas de sociolingüística con maneiras de vivir e pensar amables e xenerosas. A obra de Sende (Padrón, 1972) abre as portas ao humor reflexivo, á poética ao alcance de todo o mundo, a través dun texto que move e conmove.

Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta a unha demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. Tralo éxito da primeira edición, entre abril do pasado ano e este mes de marzo representaranse un total de 136 funcións, escollidas entre un catálogo de espectáculos dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra, en 50 concellos da provincia de Pontevedra.