A Deputación financiará integramente a reforma e instalación de tres pistas de pádel na Montesiña, en Soutomaior, cun investimento de máis de 260.000 €

O deputado provincial Alejandro Lorenzo visitou a instalación e anunciou que este venres se aprobarán recursos para acometer esta actuación no marco do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas

14/04/2026

A Deputación financiará integramente a reforma e instalación de tres pistas de pádel na Montesiña, en Soutomaior, cun investimento de máis de 260.000 €

O deputado provincial Alejandro Lorenzo acaba de anunciar no complexo deportivo da Montesiña, en Soutomaior, que a Deputación de Pontevedra financiará integramente a reforma e instalación de tres pistas de pádel cun investimento de máis de 260.000 €. Lorenzo adiantou que a Xunta de Goberno do organismo aprobará este venres unha achega de 122.000 euros ao concello para esta actuación no marco do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas e que completará estes recursos con outros 141.000 € do Plan +Provincia 2026-2027.

Alejandro Lorenzo explicou que cos recursos provinciais converterase a pista de tenis existente na actualidade na parte baixa da zona deportiva da Montesiña en tres pistas de pádel, así como ampliarase a bancada lateral, e a cuberta para axustala ás novas dimensións da superficie de xogo. A reforma componse de actuacións previas, como a limpeza e desmonte do terreo, o desmonte dos peches e a demolición e preparación da superficie de actuación. Posteriormente estenderase unha base de saburra artificial seguida do pavimento de formigón poroso, executarase a pista de pádel, instalaranse bancadas, construirase unha estrutura para as gradas, instalarase a cuberta e a fachada lateral, así como a rede de alumeado das pistas e de evacuación de augas pluviais. Completarase a actuación co pintado e vernizado da pista de pádel.

Os 122.000 € que aprobará a Xunta de Goberno para Soutomaior este venres trátanse da totalidade de recursos que a vila ten á súa disposición no marco do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, dotado de 8 millóns de euros con destino a que os municipios de menos de 50.000 habitantes da provincia poidan subvencionar proxectos municipais de construción de novas instalacións e espazos públicos de uso deportivo, así como para a modernización, remodelación e mellora de instalacións e espazos xa existentes. Ao respecto, o deputado Alejandro Lorenzo remarcou “cando nos referimos á provincia do deporte referímonos tamén ao impulso que estamos a dar desde a Deputación á modernización das instalacións deportivas nos concellos a través de plans como este, que vai pola súa terceira edición acumulando un investimento de 20 millóns de euros para a mellora das infraestruturas deportivas municipais”.

Galerias de imagenes

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 4 resultados.