A Deputación inviste preto de 130.000 € na Caniza con actuacións no pavillón das Touzosas e na EP-5102 A Lamosa – Franqueira – Achas
O organismo provincial investirá 106.000 euros na reforma do pavillón das Touzosas con cargo ao III Plan de Infraestruturas Deportivas
16/04/2026
A Deputación de Pontevedra continúa a reforzar o seu compromiso cos concellos da provincia con novas actuacións na Caniza. A deputada de Infraestruturas Belén Cachafeiro desprazouse hoxe á zona para informar de novos investimentos no pavillón das Touzosas, ao que destinará 106.000 € do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, e na EP-5102 A Lamosa-Franqueira-Achas.
Desta maneira, a deputada provincial anunciou que a Xunta de Goberno deste venres aprobará unha achega de 106.000 euros ao concello da Caniza para financiar ao 100% reforma do pavimento deportivo, pintura e outras melloras neste pavillón municipal das Touzosas. Trátase da totalidade de recursos que A Caniza ten á súa disposición no marco do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, dotado de 8 millóns de euros con destino a que os municipios de menos de 50.000 habitantes da provincia poidan subvencionar proxectos municipais de construción de novas instalacións e espazos públicos de uso deportivo, así como para a modernización, remodelación e mellora de instalacións e espazos xa existentes.
Cachafeiro explicou que os traballos que se desenvolverán inclúen a preparación e reparación do actual soporte, a instalación dun novo pavimento deportivo e a execución da marcaxe regulamentaria da pista polideportiva, así como diversos traballos de pintura en portas e varandas. adecuación de elementos de protección como varandas e sistemas anticaídas e o subministro e instalación de equipamento deportivo, incluído un videomarcador electrónica.
No eido das infraestruturas viarias, Belén Cachafeiro anunciou que o vindeiro mes de maio darán comezo as obras nun tramo de 100 metros na estrada provincial EP-5102 A Lamosa – Franqueira – Achas. Trátase dunha actuación que se desenvolverá dentro do acordo marco de execución de cunetas en estradas provinciais, que conta cun investimento de 10.000 euros e na que está prevista a mellora da rede de drenaxe mediante a captación de augas e a construción dunha cuneta de seguridade na marxe esquerda do punto quilométrico 8+200. Ademais, dentro do acordo marco de conservación de firmes nesta estrada xa se executaron actuacións de mellora en distintos treitos, con saneos e reposicións mediante formigón asfáltico, así como o pintado de marcas viarias, cun investimento total de 70.000 euros.
Belén Cachafeiro puxo en valor o impacto destes investimentos, subliñando que “cos recursos provinciais estamos dando resposta ás demandas dos concellos, que poden facer realidade proxectos que melloran a calidade de vida da súa veciñanza”. Neste sentido, destacou que a través dos diferentes plans provinciais “estamos a impulsar actuacións tan relevantes como estas dúas que presentamos hoxe na Caniza, que non só melloran a seguridade viaria, senón que tamén contribúen a dinamizar e recuperar espazos para a veciñanza da provincia”.
