A Deputación alerta do posible inicio de síntomas de mildio e recomenda anticiparse con medidas preventivas
O persoal técnico de Areeiro sinala que o risco actual é baixo, pero alerta de posibles infeccións primarias e lembra a importancia de actuar con criterios preventivos e boas prácticas fitosanitarias. Ofrece ademais recomendacións para kiwi, nespereira, buxo e camelia
01/04/2026
A Deputación de Pontevedra, a través dun novo aviso fitosanitario do persoal técnico da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, informa de que as vides están a experimentar un desenvolvemento progresivo dos gromos, cun crecemento máis notable nos últimos días debido á combinación de humidade acumulada tras o outono-inverno e a presenza de sol continuado. En relación co mildio, e malia existir xa brotes susceptibles, as condicións meteorolóxicas recentes, marcadas por ventos frescos e secos do nordés, non foron favorables para o desenvolvemento do patóxeno.
Se ben nas visitas ás parcelas de seguimento non se detectaron síntomas da enfermidade, desde o 20 de febreiro estanse a recoller esporanxios de forma case diaria no captador instalado na viña de Areeiro, aínda que en cantidades moi reducidas. Os modelos de previsión indican que o risco de infección é baixo polo momento, pero apuntan á posible aparición próxima de síntomas nalgunhas zonas como O Rosal.
Ante esta situación, e tendo en conta que xa se deron condicións para infeccións primarias, o persoal técnico recomenda manter unha especial vixilancia. Nas viñas con follas de tamaño suficiente e situadas en zonas con pouca ventilación, podería ser conveniente aplicar tratamentos preventivos a finais desta semana, empregando funxicidas sistémicos. Non obstante, se se confirman choivas a comezos da próxima semana, podería valorarse pospoñer a intervención ata despois das precipitacións, adaptando sempre a decisión á evolución meteorolóxica. A Deputación lembra a importancia de realizar os tratamentos respectando estritamente as boas prácticas fitosanitarias, como axustar o volume de aplicación ao estado da vexetación, evitar tratamentos con vento, e extremar as precaucións en zonas próximas a vivendas, espazos públicos ou cursos de auga.
No caso do kiwi, recoméndase aplicar tratamentos preventivos fronte ás bacterioses durante a brotación, especialmente tras un período tan húmido, e incídese na importancia do uso de material vexetal san e na hixiene das ferramentas e maquinaria. Para a nespereira, advírtese da presenza xeneralizada de moteado, favorecido polas abundantes choivas dos últimos meses. Aconséllase realizar tratamentos funxicidas para limitar os danos, especialmente antes ou despois de episodios de choiva, así como retirar follas e froitos afectados.
En canto ao buxo, as eirugas da bolboreta (Cydalima perspectalis) comezan a retomar a súa actividade, aínda que sen incidencia elevada polo momento. Recoméndase revisar as plantas e actuar de forma localizada se se detectan danos iniciais. Finalmente, na camelia, o ácaro da caída do botón floral atópase nun momento de especial actividade coincidindo coa brotación, polo que este é o período máis axeitado para aplicar tratamentos específicos e reducir a súa incidencia. Ademais, a recollida dos botóns caídos contribúe a limitar a súa propagación.
