Luis López festexa o ascenso á primeira das Celtas a Segunda RFEF: “Se somos a provincia do deporte é por equipos con tanto potencial coma As Celtas”
O presidente da Deputación, acompañado pola vicepresidenta Luisa Sánchez, recibe ao equipo e entrega unha placa conmemorativa á presidenta da entidade, Marián Mouriño, como recoñecemento polo éxito colleitado
06/05/2025
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, acompañado pola vicepresidenta Luisa Sánchez, recibiu este luns na Sede de Vigo da Deputación ás integrantes do equipo das Celtas polo seu ascenso a Segunda RFEF conseguido a a pasada fin de semana. "Quero darvos os parabéns pola temporada que fixestes e recoñecer o mérito que ten conseguir un ascenso coma este no primeiro intento", recoñeceu o mandatario provincial, quen entregou unha placa conmemorativa á presidenta do Real Club Celta de Vigo, Marián Mouriño.
Nas dependencias provinciais, o presidente Luis López felicitou a todas as xogadoras, á adestradora Xisela Aranda e aos membros do corpo técnico, así como á presidenta Marián Mouriño e os membros da directiva das Celtas pola vitoria que certificou o ascenso fronte ao Villa de Simancas en Valladolid que supuxo o ascenso á Segunda RFEF e o broche de ouro a unha tempada extraordinaria dun equipo que comezou este ano a súa andadura cun éxito histórico que amosa o enorme potencial que ten tanto para o club como para o deporte feminino da provincia.
A Deputación seguirá sendo un apoio sólido no camiño que As Celtas teñen por diante, asegurou o presidente provincial. "Somos a provincia do deporte grazas a equipos con tanto potencial coma As Celtas", afirmou o dirixente, quen expresou o orgullo da provincia polo traballo realizado ao longo do ano. "Parabéns polo ascenso", concluíu o presidente Luis López.