A Deputación ameniza o Serán Magosteiro de Moraña cunha actuación de Comando Curuxás

O conxunto actuará este sábado 7 de novembro a partir das 22:30 horas no marco de +Música, o programa provincial que apoia a programación cultural nos concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes

04/11/2026

A Deputación ameniza o Serán Magosteiro de Moraña cunha actuación de Comando Curuxás

A Deputación de Pontevedra leva este sábado 7 de novembro un concerto da banda Comando Curuxás ata Moraña enmarcado na nova edición de +Música, o programa provincial para apoiar a programación cultural nos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia e difundir e fomentar a lingua e a cultura galegas. A actuación forma parte das actividades do Serán Magosteiro organizado polo Concello e a Asociación Peña Espetados, e terá lugar a partir das 22:30 horas na carpa que se instalará na explanada do multiúsos.

Comando Curuxás está formado por cinco músicos de longa traxectoria no panorama da música galega, comezando na comarca da Ulloa e espallándose rapidamente a toda Galicia. O seu repertorio vocal e instrumental está pensado para o baile da terra, asaltar calquera torreiro e manter viva a chama da resistencia musical. A banda presentará o seu último traballo discográfico, Carne de militancia, publicado en 2025.

Este espectáculo é unha das 93 actuacións financiadas con cargo ao +Música, que se están a celebrar entre os meses de maio e decembro en 58 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. O programa ten un orzamento de 700.000 euros, cos que o organismo provincial aboa os custos de caché dos espectáculos e impulsa a reputación de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel. Os obxectivos deste programa pasan pola descentralización da cultura e pola programación de actos culturais de calidade por toda a xeografía provincial.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 5 resultados.