Luis López anuncia que abre ata o 28 de maio o prazo para solicitar os recursos do Vía Depo, o novo plan provincial dotado con 8 millóns de euros para arranxar as estradas municipais danadas polos temporais

"Este é un plan que foi comunicado aos alcaldes de principio a fin e que renova o noso compromiso co apoio ao local e á rede viaria da provincia”, subliñou o presidente

30/04/2026

Luis Lóez na conferencia de prensa sobre o Plan Vía depo

A Deputación de Pontevedra abre ata o 28 de maio o prazo para solicitar os recursos do Vía Depo, o novo plan provincial dotado con 8 millóns de euros para arranxar as estradas de titularidade municipal danadas polos temporais deste inverno. Os recursos deste novo plan extraordinario, dirixido aos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia, súmanse aos 82 millóns de euros investidos polo goberno de Luis López en menos de tres anos na mellora da rede de estradas provinciais.

Un novo plan provincial que, como explicou o presidente Luis López “foi comunicado aos alcaldes de principio a fin e é un plan que renova o noso compromiso co apoio ao local e á rede viaria da provincia”. Desta maneira, animou a todos os concellos “a que fagan as súas solicitudes desde xa e se aproveiten desde plan extraordinario para reparar os danos das choivas extraordinarias que vivimos a comezos de ano”. Cabe destacar que o Vía Depo non se poderá empregar para cofinanciar outros plans da Deputación, nin servirá para financiar a redacción de proxectos, dirección de obra ou adquisición de terreos. 

En liñas xerais, cada concello recibirá ao abeiro do Plan Vía Depo un mínimo de 50.000 € e os recursos restantes repartiranse baixo criterios obxectivos de superficie, poboación e o número de entidade singulares. A axuda da Deputación servirá para financiar actuacións relacionadas coa mellora do trazado e o reforzo da estrutura das vías; coa conservación do firme a través do fresado, reparación de pavimentos, fochancas, gretas ou novas capas de rodaxe; coa estabilización de muros de contención que afecten a vías municipais; coa actuación en sistemas de drenaxe, como cunetas ou sumidoiros; ou coa reparación de sendeiros e paseos de acceso a praias fluviais e marítimas. 

En concreto, Luis López detallou que estes 8 millóns de euros repartiranse en 1,8 millóns de euros para as comarcas do Deza, Tabeirós e Terra de Montes, 3,1 millóns de euros para a área de Vigo e sur da provincia, 1,6 millóns de euros para os concellos da contorna de Pontevedra, máis de 350.000 euros para Bueu, Cangas de Morrazo e Moaña, e máis dun millón de euros para os concellos das contorna do Salnés e Arousa. O presidente fixo un chamamento aos concellos para que “fagan un exercicio de responsabilidade e lectura das bases. Que non cometan erros que despois lles prexudiquen e lles impida acceder a eses fondos, porque estarían a causar un grave prexuízo aos veciños e veciñas”.


Os 8 millóns de euros do Plan Vía Depo súmanse aos 82 M€ investidos polo goberno da Deputación en menos de tres anos na conservación e mellora da rede de titularidade provincial. En concreto, en actuacións de conservación integral e accións en firmes e cunetas mobilizáronse 40,5M€ aos que hai que engadir 17,6M€ en mellora de estradas provinciais por iniciativa da Deputación e outros 24,7M€ a través de convenios con concellos. Unha atención constante que serviu para mitigar os efectos do tren de borrascas deste inverno, onde as brigadas atenderon desde o 1 de xaneiro un total de 430 incidencias. 

 

videos

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 9 resultados.