A Deputación pon en marcha no Museo de Pontevedra o programa Empower Parents, para facilitar o acceso á cultura ás familias con nenas e nenos con autismo
O Museo convértese na primeira entidade de Galicia en acoller este programa pioneiro de accesibilidade cultural
06/04/2026
A Deputación de Pontevedra, a través do Museo de Pontevedra, e a entidade Empower, especializada en mediación e aprendizaxe cultural, poñen en marcha o programa Empower Parents, que busca facilitar o acceso á cultura ás familias con nenas e nenos con autismo. Un total de sete familias nesta situación poderán participar na primeira edición en Galicia deste programa, que se desenvolverá de maio a novembro. O obxectivo principal é consolidar un museo máis aberto, próximo e preparado para atender a diversidade, xerando tamén un vínculo continuado entre as familias e o equipo educativo.
O programa Empower Parents consta de dúas fases: na primeira, o equipo do Museo recibe formación específica en accesibilidade por parte de Empower. Na segunda, o equipo aplicará todo o aprendido en 16 sesións coas familias e cos nenos e nenas participantes. Estas reunións desenvólvense no Museo e incorporan dinámicas sensoriais, metodoloxías prácticas e materiais accesibles, deseñados para favorecer a experimentación e a accesibilidade cultural.
O prazo de inscrición para as familias que desexen unirse a esta primeira edición estará aberto desde hoxe, luns 6 de abril, ata o venres 17 de abril, a través deste formulario: https://forms.gle/eNL6BWbWrnEVed4j7. Entre as familias interesadas seleccionaranse, mediante entrevista, as sete que participarán nesta primeira edición a partir do 14 de maio. A proposta está dirixida a familias con nenas e nenos con autismo de 5 a 12 anos, co único requisito de ter interese en formar parte dunha comunidade, compartir experiencias e construír contornas culturales más inclusivas.
O proxecto desenvólvese da man de Empower, entidade especializada en mediación e aprendizaxe cultural, que traballa para facer máis accesibles e diversos os espazos culturais eliminando barreiras mediante os seus programas de mediación cultural. A súa finalidade é proporcionar ferramentas educativas, recursos accesibles e acompañamento que faciliten que máis infancias con autismo poidan relacionarse, participar e gozar dos espazos culturais en igualdade de condicións.
Este é o primeiro programa de Empower Parents que se desenvolve en Galicia, despois de vir realizándose con éxito desde 2013 en museos e salas de arte da Comunidade de Madrid, a Comunidade Valenciana e Castela e León. O Museo de Pontevedra únese así a unha rede na que participan o Museo ICO, o Museo Nacional de Ciencias Naturais-CSIC, o Real Xardín Botánico-CSIC, Fundación Telefónica, o Museo Arqueolóxico Provincial de Alacante, o Museo Nacional de Antropoloxía, o Museo de América, a Fundación Casa de México en España e o Museo Casa Natal de Cervantes.
A directora do Museo de Pontevedra, Ángeles Tilve, salientou que "o Museo de Pontevedra ten vocación de ser útil a toda a sociedade, e con este fin lanza este proxecto, que se une a outras iniciativas xa en marcha. As nosas propostas no ámbito da inclusión permiten a persoas con diferentes circunstancias vitais gozar da arte e atopar no Museo un espazo propicio para o seu benestar e o seu enriquecemento persoal".
Laura Donis, fundadora e CEO de Empower, afirmou que "a implicación do Museo de Pontevedra reflicte como as institucións culturais poden converterse en motores de cambio real cando sitúan as persoas no centro da súa actividade, especialmente aquelas que habitualmente atopan maiores obstáculos para acceder á cultura".
