A Deputación presenta as 17 candidaturas aos VI Premios Mulleres no Foco que se entregarán o próximo 9 de outubro nunha gran gala no Auditorio de Marín
A deputada Paula Bouzós subliñou que o obxectivo destes galardóns é “recoñecer a traxectoria das profesionais galegas do audiovisual e facer que cheguen ao conxunto da sociedade para construír referentes e avanzar na mellora das cifras de representatividade feminina nesta industria”
23/09/2026
A Deputación de Pontevedra acaba de presentar en conferencia de prensa as 17 candidaturas aos VI Premios Mulleres no Foco que se entregarán o próximo 9 de outubro nunha gran gala no Auditorio de Marín. A deputada Paula Bouzós, que estivo acompañada de Elena García, representante da Asociación de Mulleres Cineastas e de Medios Audiovisuais (CIMA) en Galicia, subliñou que o obxectivo destes galardóns é “recoñecer a traxectoria das profesionais galegas do audiovisual e facer que cheguen ao conxunto da sociedade para construír referentes e avanzar na mellora das cifras de representatividade feminina nesta industria”.
Aos tres premios valorados en 15.000 € (5.000 € para cada un deles) optan directoras, produtoras, guionistas, actrices e mulleres da industria do audiovisual da talla de Inés Pintor Sierra, Inés Colmeiro Villanueva, Uxía Caride Blanco, Andrea Vázquez García, Clara Coira Suárez, Xisela Franco Costas, Ana Domínguez Díaz, Marta Villar Sanjurjo, Rosa Moledo Maneiro, María Ignacia Ceballos González-Llanos, Maria Isabel Rivera Torres, Lucía Estévez González, Diana Gonçalves Domínguez, Mela Casal Devesa, María Rodríguez Piñeiro, Carmen Méndez Lamas e Anxos Fazáns Estévez. As tres gañadoras desvelaranse nunha gran gala “na que poremos en valor a traxectoria das premiadas e o enorme esforzo das mulleres do audiovisual por sacar adiante os seus proxectos”, subliñou Paula Bouzós quen confirmou que o acto de entrega dos galardóns terá lugar o 9 de outubro ás 20:00 horas no Auditorio Municipal de Marín.
O xurado encargado da selección das candidatas da sexta edición dos premios Mulleres no Foco estivo presidido pola xefa do servizo de Igualdade da Deputación de Pontevedra, Lucía Muradas, actuando como secretaria a adxunta ao mesmo servizo, Marta Caldas, e como vogais a técnica de Cultura da Deputación, Begoña Fernández; Alba González, en representación da Academia Galega do Audiovisual; Iria Fernández, en representación da Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización; Elena García, en representación de CIMA; Eva Fórneas, da Asociación de Actores e Actrices de Galicia; Sara Varela, da Asociación sindical de guionistas; Ana Estévez, en representación da Coordinadora Galega de Festivais; e Silvia Fuentes, da Asociación Galega de Produtoras Independentes.
Ata a data, recibiron galardóns de Mulleres no Foco mulleres do audiovisual como Beatriz Legerén, Lucía Veiga, Silvia Fuentes, Jaione Camborda, Lidia Fraga, Nati Juncal, María Isabel Martínez, María Rodríguez, Rosa Mariana Fernández, María Consuelo Loureiro, Paula Cons, Lucía Catoira, Sonia Méndez, Noemí Chantada e Margarita Ledo. “Non se trata de recoñecer a tres mulleres do audiovisual, senón de poñer o foco no seu traballo e avanzar cara a igualdade plena entre mulleres e homes en todos os ámbitos da vida”, subliñou a deputada Paula Bouzós quen remarcou que “a igualdade non soamente está no centro do noso pensamento, senón que está no centro das nosas políticas e da nosa acción de goberno”.
