A Deputación conmemora o Día Mundial das Aves Migratorias e abre este luns o prazo para participar na ruta ornitolóxica de Voando nas Rías Baixas nas Brañas de Xestoso

Da man de SEO/BirdLife, a actividade realizarase o domingo 25 de maio nun dos mellores lugares de Galicia para a invernada de aves acuáticas

10/05/2025

A Deputación de Pontevedra conmemora o Día Mundial das Aves Migratorias e abre este luns 12 de maio o prazo para participar na ruta do programa Voando nas Rías Baixas, que terá lugar o domingo 25 de maio, nun tramo que corresponde cos concellos de Forcarei e Silleda. En colaboración de novo coa asociación SEO/BirdLife, esta será a terceira das sete rutas ornitolóxicas organizadas durante o ano para sensibilizar a poboación sobre os recursos culturais e naturais da provincia de Pontevedra e a importancia de conservar o medio natural.

As Brañas de Xestoso son unha estupenda representación das serras baixas interiores da provincia de Pontevedra, con diferentes e valiosos ecosistemas como brañas, prados húmidos, turbeiras, matogueira baixa, rochedos ou carballeiras. Entre as aves que os participantes poderán observar destacan as rapaces, como a tartaraña cincenta, a gatafornela ou a aguia cobreira.

A apertura do prazo coincide co primeiro Día Mundial das Aves Migratorias de 2025, que se celebran o segundo sábado de maio e outubro coincidindo cos seus momentos de maior actividade migratoria. O obxectivo desta conmemoración é destacar a necesidade de protexer as aves e os seus hábitats, e este ano a campaña céntrase na necesidade de crear cidades e comunidades respectuosas coas aves que permitan unha coexistencia saudable cos humanos.

A Deputación oferta 25 prazas para participar no percorrido polas Brañas de Xestoso, e a persoa solicitante poderá inscribirse xunto con tres acompañantes máis. A ruta, na que as e os participantes estarán acompañados por dúas guías de ornitoloxía de SEO/BirdLife, inclúe un autobús tanto para o desprazamento coma para a visita da zona na que ten lugar a actividade, e recoméndase levar roupa cómoda e calzado apropiado. Cada participante terá á súa disposición unha guía de aves, prismáticos e dous telescopios terrestres de alta gama para poder gozar das aves sen molestalas.

O calendario de actividades de Voando nas Rías Baixas en 2025 continúa coa ruta da ruta da praia da Lanzada (O Grove e Sanxenxo) o 22 de xuño. Posteriormente o 28 de setembro celebrarase a ruta dos campos e lagoas de Rouxique (Sanxenxo), que irá seguida da do esteiro do río Lérez e a Intermareal Combarro-Lourido (Poio e Pontevedra), o 9 de novembro, e en último lugar a ruta da enseada de San Simón (Pontevedra, Soutomaior e Vilaboa), pechando o calendario da edición o 14 de decembro.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 4 resultados.