A Deputación organiza este domingo unha ruta ornitolóxica pola ría de Pontevedra no marco do programa provincial Voando nas Rías Baixas

A actividade, organizada xunto con SEO/BirdLife, ten as 25 prazas cubertas e permitirá ás persoas participantes observar as aves que se atopan na desembocadura do río Lérez e a Intermareal Lourido-Combarro

12/11/2026

A Deputación de Pontevedra organiza este domingo 15 de novembro unha ruta ornitolóxica pola ría de Pontevedra, enmarcada no programa provincial Voando nas Rías Baixas. A actividade, organizada xunto con SEO/BirdLife, ten as 25 prazas cubertas e será a sexta das sete rutas ornitolóxicas organizadas durante este ano polo organismo provincial para sensibilizar a poboación sobre os recursos culturais e naturais de Pontevedra e a importancia de conservar o medio natural.

Ao fondo da ría de Pontevedra, o río Lérez verte as súas augas ao mar e achega ricos sedimentos, o que dá lugar a unha intermareal na que as zonas de lodo e area atraen gran diversidade de aves limícolas, mariñas, ardeidas ou anátidas. Durante a ruta, que inclúe o desprazamento en autobús, as persoas participantes estarán acompañadas por dúas guías de ornitoloxía de SEO/BirdLife. A Deputación recomenda que leven roupa cómoda e calzado apropiado e porá a súa disposición unha guía de aves, prismáticos e dous telescopios terrestres de alta gama para poder gozar das aves sen molestalas.

A ruta ornitolóxica pola ría de Pontevedra trátase da penúltima actividade prevista para este ano dentro do programa Voando nas Rías Baixas, que pechará a súa actual edición o próximo 13 de decembro cun percorrido polo Complexo Intermareal Umia-O Grove, entre os concellos do Grove e Sanxenxo.