A Deputación aproba máis de 110.000 € para que o Concello de Vilaboa constrúa unha pista de pádel cuberta
Os recursos que recibe Vilaboa no marco do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas permitirán financiar máis da metade da construción desta instalación deportiva
10/04/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, deu conta este venres do visto bo a novos recursos ao abeiro do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas para o Concello de Vilaboa, que recibirá máis de 110.000 euros para poñer en marcha unha pista de pádel cuberta. Ademais destes recursos para Vilaboa, a Xunta de Goberno do organismo provincial tamén aprobou esta semana outros preto de 500.000 € para que Pazos de Borbén, O Rosal, Salvaterra de Miño e Vilagarcía de Arousa impulsen e melloren dotacións deportivas baixo o paraugas deste plan provincial.
“Estes son cinco exemplos máis de como o III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, que nesta terceira edición está a repartir 8 millóns de euros entre os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia, nos está axudando a construír a provincia do deporte na que queremos que se converta Pontevedra”, asegurou o presidente da Deputación.
Coa axuda aprobada na Xunta de Goberno, a totalidade da contía que Vilaboa ten á súa disposición no marco do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, o concello poderá impulsar a construción dunha pista de pádel panorámica con cuberta nunha zona que funciona hoxe en día como aparcamento ocasional. En concreto, o proxecto contempla a preparación completa do terreo, a execución dunha soleira de formigón e a instalación dunha pista de pádel de 20 por 10 metros con peche de vidro temperado, estrutura metálica, iluminación e pavimento de céspede artificial. No relativo á cuberta, que busca que a pista sexa accesible todo o ano, será metálica de aceiro laminado, con perfís estruturais dimensionados para garantir estabilidade e durabilidade. A actuación completarase co acondicionamento da contorna, pintando novas prazas de aparcamento e delimitando o espazo. Por último, procederase a instalar un sistema automatizado de reservas, control de accesos e iluminación.
