Abetos de Douglas do castelo de Soutomaior
- Especie: Pseudotsuga menziesii (Mirb.) Franco
- Familia: Pinaceae
- Altura: 36,50; 32,90 e 33,10 m
- Perímetro do tronco (1,30): 3,50; 4,40 e 4,50 m
- Diámetro da copa: 16,30; 15,90 e 15,80 m
- Idade estimada: 150 anos
- Concello: Soutomaior
- Parroquia: San Salvador de Soutomaior
- Lugar: castelo de Soutomaior
- Coordenadas UTM (X; Y, ETRS89 Fuso 29): 29T535616;4686478
- Coordenadas Google: 42.329739547285904, -8.56769735687641
Os exemplares desta especie do castelo de Soutomaior, de fermosa forma, posúen unhas dimensións colosais. Os troncos, con perímetros basais superiores aos cinco metros, están revestidos por unha densa casca de considerable espesor, semellante á cortiza dunha sobreira, e permanecen rectos e indivisos ata a cima, situada a máis de trinta e tres metros de altura sobre o chan.
Ramifícanse a partir dos tres metros de altura, aínda que desde lonxe parece que as pólas comezan a brotar desde a base, xa que as primeiras se inclinan cara abaixo e os seus ápices acarician o solo.
Amosan excelente vigor e saúde, gozan dun amplo campo visual e son unha testemuña do impresionante crecemento que pode acadar esta especie fóra da súa área natural cando as circunstancias lle son propicias.
