Ameneiro de Abelendos

Ameneiro de Abelendos
  • Especie: Alnus glutinosa (L.) Gaernt.
  • Familia: Betulaceae
  • Altura: 17,90 m
  • Perímetro do tronco (1,30): 5,80 m
  • Diámetro da copa: 15,50 m
  • Idade estimada: 125-150 anos
  • Concello: Marín
  • Parroquia: Nosa Señora do Carme de Seixo
  • Lugar: Abelendos, á beira do río Loira
  • Coordenadas UTM (X; Y, ETRS89 Fuso 29): 29T522132;4690326
  • Coordenadas Google: 42.36489165159206, -8.731221272948783

Este ameneiro do río Loira é un dos de maiores dimensións de España, o que podemos considerar unha árbore singular nunha contorna especial. Trátase, sen dúbida, dun exemplar atípico na xeografía galega, xa que a súa figura de árbore podada é frecuente en castiñeiros, carballos e freixos, pero non a adoitan mostrar os ameneiros, aínda que nalgunhas zonas se podaban para que o gando comese as súas follas e pequenas ramas.

O seu tronco ten un perímetro basal de 6,5 m, que se reduce a 5,8 m á altura do peito, onde se forma a cruz, desde a que emerxen catro ramas de grandes dimensións, con perímetros de 2,5; 3,4; 1,8 e 2,3 m. Aproximadamente, a dous metros sobre a cruz cortábanse as ramas periodicamente, de onde deriva o perfil de árbore podada que presenta na actualidade. Os brazos mostran cavidades e podremias, froito de actuacións culturais e da súa avanzada idade. A copa, de forma irregular, presenta algunhas ramas secas e partidas, con numerosos buracos de paxaros carpinteiros. Na base do tronco espállase a planta rastreira coñecida co nome de amor de home (Tradescantia fluminensis), especie invasora de orixe suramericana que compite coa xibarda (Ruscus aculeatus). Tamén destaca a nutrida comunidade de plantas epífitas que crecen sobre o seu tronco e ramas, como cabriñas (Davallia canariensis), couselos (Umbilicus rupestris) e polipodios (Polypodium vulgare).