Cedro da California do pazo de Casal Novo

Cedro da California do pazo de Casal Novo
  • Especie: Calocedrus decurrens (Torr.) Florin
  • Familia: Cupressaceae
  • Altura: 19,30 m
  • Perímetro do tronco (1,30): 4,38 m
  • Diámetro da copa: 13,00 m
  • Idade estimada: máis de 100 anos
  • Concello: Caldas de Reis
  • Parroquia: Santa María de Caldas de Reis
  • Lugar: pazo de Casal Novo, Os Barreiros
  • Coordenadas UTM (X; Y, ETRS89 Fuso 29): 29T529677:4715401
  • Coordenadas Google: 42.59045907080219, -8.63829550439571

Debido á súa gran pendente, o xardín do pazo de Casal Novo atópase organizado en socalcos (terrazas) con recheos amparados por fortes muros de contención. Este cedro está situado nun lugar destacado na zona de entrada ao predio, nun xardín próximo á edificación principal, na parte superior do predio.

Trátase dun magnífico exemplar con tronco recto de gran perímetro, sobre todo na súa base (6,40 m), que non se ramifica ata aproximadamente os nove metros de altura. A súa copa é lixeiramente irregular, conformada por ramas que crecen horizontais nun primeiro momento e que despois buscan a verticalidade, o que lle dá un aspecto de lámpada. As pólas secundarias crecen tortuosas. Aínda que presenta restos de podas que son testemuña da perda dalgunha rama, o estado xeral é bo.

Atópanse no xardín tres pés máis da mesma especie de menor dendrometría, pero que lle dan valor como conxunto.

Crese que este cedro foi plantado a finais do século xix, momento no que se creou o xardín.