Cedros do Atlas do pazo de Gandarón
- Especie: Cedrus atlantica (Endl.) Carrière Grupo Glauca
- Familia: Pinaceae
- Altura: 30,10 e 29,80 m
- Perímetro do tronco (1,30): 2,50 e 3,60 m
- Diámetro da copa: 21,75 e 23,50 m
- Idade estimada: 120-150 anos
- Concello: Pontevedra
- Parroquia: San Martiño de Salcedo
- Lugar: pazo de Gandarón. Misión Biolóxica de Galicia
- Coordenadas UTM (X; Y, ETRS89 Fuso 29): 29T529340;4694805
- Coordenadas Google: 42.40499136916347, -8.643455999144937
Conxunto de catro exemplares de dimensións, porte e estado de saúde semellantes, aínda que, como é natural, obsérvanse pés con diferente morfoloxía e distintos tamaños. A alta densidade arbórea dificulta que expresen a súa potencialidade, pois a competencia coas demais árbores deforma as copas. Os xardíns do pazo tamén acollen unha incrible colección de especies arbóreas e arbustivas con representantes de gran talle, entre os que destacan un piñeiro de Queensland (Araucaria bidwillii) incluído no Catálogo galego de árbores senlleiras, un Ocote (Pinus patula), cedros do Himalaia (Cedrus deodara) e unha magnolia de Soulange (Magnolia x soulangiana), entre outras. O xardín tamén destaca pola súa pequena pero coidada colección de camelias, as máis antigas remóntanse ao último terzo do século xix, na época de creación do xardín; a importancia da camelia neste espazo débese a Cruz Gallástegui, que aumentou a colección e, sobre todo, na a última metade do século xx, a Antonio Odriozola, bibliotecario do centro, que contribuíu en gran medida ao cultivo e á difusión da camelia.
