Criptomeria xaponesa do pazo de Casal Novo
- Especie: Cryptomeria japonica (Thunb. ex L. f.) D. Don
- Familia: Cupressaceae
- Altura: 20 m
- Perímetro do tronco (1,30): 3,66 m
- Diámetro da copa: 15,55 m
- Idade estimada: máis de 100 anos
- Concello: Caldas de Reis
- Parroquia: Santa María de Caldas de Reis
- Lugar: pazo de Casal Novo, Os Barreiros
- Coordenadas UTM (X; Y, ETRS89 Fuso 29): 29T529717:4715400
- Coordenadas Google: 42.59045907080219, -8.63829550439571
O pazo de Casal Novo dispón de dezaoito hectáreas de terreo, distribuídas nunha zona axardinada (disposta en socalcos), unha zona dedicada a cultivos e un bosque (con piñeiros, carballos e castiñeiros principalmente). En 2021 comezaron os labores de restauración, recuperación e mellora deste tres espazos, que estiveron abandonados durante moitos anos.
No segundo socalco do xardín, fronte ao pazo, medra un conxunto de árbores de gran porte, no que destaca un exemplar de criptomeria xaponesa situado no centro.
A árbore ten unha ampla base (7,10 m de perímetro), con contrafortes, e o seu forte tronco, intacto e sen feridas (só restos de podas), non se ramifica ata aproximadamente os cinco metros de altura. As pólas son de pequeno diámetro, pero forman no seu conxunto unha copa de aspecto san e ben equilibrado.
Comparte espazo con outro exemplar de criptomeria de menores dimensións, un magnolio de gran porte e un conxunto de camelias de avanzada idade, que forman parte dunha notable colección de vinte exemplares que están distribuídos en distintas zonas do xardín e do bosque.
