Estripeiros do predio de Areeiro
- Especie: Crataegus azarolus L.
- Familia: Rosaceae
- Altura: 11,50; 10,00 e 9,00 m
- Perímetro do tronco (1,30): 1,70; 1,40 e 1,15 m
- Diámetro da copa: 11,15; 8,40 e 7,60 m
- Idade estimada: ao redor de 100 anos
- Concello: Pontevedra
- Parroquia: Santo André de Lourizán
- Lugar: Estación Fitopatolóxica Areeiro
- Coordenadas UTM (X; Y, ETRS89 Fuso 29): 29T526847:4694816 e 29T526939:4694806
- Coordenadas Google: 42.40559187358016, -8.674468062686206; 42.40505154177935, -8.672776871813541
En Areeiro medran tres estripeiros de destacado porte. Dous deles atópanse na zona axardinada, onde crecen os exemplares de especies ornamentais con máis antigüidade do predio (catro magnolias e unha camelia xapónica), nun espazo disposto nunha terraza con miradoiro, que ten a súa orixe a finais do século XIX e que aínda conserva elementos desa época, coma unha pérgola de ferro forxado e unha mesa octogonal de pedra. As árbores ramifícanse a unha altura aproximada de 2,5 m; as súas copas medran moi xuntas e teñen as súas ramas entrelazadas.
O outro exemplar medra na parte baixa da finca, flanqueado por camelias e por unha plantación de abeleiras. Este estripeiro é o de maiores dimensións porque dispón de máis espazo para o seu desenvolvemento pola súa situación. O fuste está lixeiramente inclinado e ramifícase aproximadamente a catro metros de altura; a súa copa é redondeada e ben conformada.
Era costume para os nenos da contorna entrar no predio para comer os seus froitos, xa antes de que se crease a estación fitopatolóxica en 1981.
