Eucaliptal do parque de Monte Porreiro
- Familia: Myrtaceae
- Concello: Pontevedra
- Parroquia: Santa María de Mourente
- Lugar: parque de Monte Porreiro
- Coordenadas UTM (X; Y, ETRS89 Fuso 29): 29T530494; 4699166
- Coordenadas Google: 42.44422849887782, -8.629195302957008
Trátase dunha formación con case cen exemplares de eucaliptos de grandes dimensións e con características morfolóxicas moi parecidas, xa que recibiron os mesmos tratamentos culturais. Amosan troncos moi engrosados na base, a maior parte deles non comezan a ramificarse ata os vinte metros de altura e as copas son moi amplas e globosas, xa que a redución do número de exemplares nos últimos anos facilitou o seu desenvolvemento.
Forman unha dobre aliñación en ambas as marxes do paseo do miradoiro do parque de Monte Porreiro e hai algúns pés dispersos polo parque, entre os que destacan algúns de especies escasamente representadas en Galicia, coma o eucalipto do maná (E. viminalis), o eucalipto rosado (E. grandis) ou a caoba do sur (E. botryoides), ademais dalgúns exemplares de eucalipto azul (E. globulus) e híbridos coma E. globulus x E. grandis e E. botryoides x E. grandis.
A avenida de eucaliptos corresponde ao deseño orixinal do xardín, realizado polo paisaxista portugués Jacintho de Mattos a comezos do século xx, despois de que Monte Porreiro fose adquirido polo emigrante retornado Casimiro Gómez. As árbores viñeron do viveiro central de Areas (Tui), onde as cultivaba o enxeñeiro de montes Rafael Areses.
| Especie | Altura (m) | Perímetro normal (m) | Idade (anos) |
|---|---|---|---|
| Eucalyptus botryoides Sm. | 40,50 | 4,70 | 100 |
| Eucalyptus grandis W. Hill | 35,50 | 3,50 | 100 |
| Eucalyptus globulus Labill. | 36,50 | 3,60 | 70 |
| Eucalyptus viminalis Labill. | 32,40 | 4,20 | 100 |
| E. botryoides Sm. x E. grandis W. Hill ex Maiden | 45,50 | 3,90 | 80-100 |
| Eucalyptus globulus Labill. x E. grandis W. Hill ex Maiden | 36,50 | 1,80 | 80-100 |

