Eucalipto de folla fina do viveiro central de Areas

Eucalipto de folla fina do viveiro central de Areas
  • Especie: Eucalyptus pulchella Desf.
  • Familia: Myrtaceae
  • Altura: 30,50 m
  • Perímetro do tronco (1,30): 4,70 m
  • Diámetro da copa: 16,30 m
  • Idade estimada: 110 anos
  • Concello: Tui
  • Parroquia: Santa Mariña de Areas
  • Lugar: viveiro central de Areas
  • Coordenadas UTM (X; Y, ETRS89 Fuso 29): 29T526885;4653134
  • Coordenadas Google: 42.029782801266386, -8.675219712878171

Neste marabilloso exemplar chama a atención a base do seu tronco, provista de grandes contrafortes e de expansións radicais que lle confiren o aspecto dunha pata de elefante e que consegue na base un perímetro de 4,95 m, dimensión verdadeiramente colosal e moi pouco frecuente en exemplares desta especie. Á altura do peito o perímetro vese reducido ata os 4,70 m. A copa comeza a formarse a tres metros de altura sobre o chan e tamén é moi rechamante, pois é globosa, uniforme e compacta, salvo nalgunhas zonas nas que se observa a ausencia de ramas ou a presenza de pequenas ramas secas que deixan algún oco en tan espectacular copa.

Este monumento vexetal aparece citado no libro publicado polo enxeñeiro de montes Rafael Areses en 1953, Nuestros parques y jardines. Contribución al conocimiento de las plantas exóticas cultivadas en España. Galicia, nunha fotografía na que o autor aparece á beira dun grande eucalipto erroneamente identificado como Eucalyptus amygdalina, xa que segundo a nosa opinión se trata de Eucalyptus pulchella.