Eucalipto robusto do río Loira
- Especie: Eucalyptus robusta Sm.
- Familia: Myrtaceae
- Altura: 47,20 m
- Perímetro do tronco (1,30): 3,80 m
- Diámetro da copa: 15,15 m
- Idade estimada: 100 anos
- Concello: Marín
- Parroquia: Santa María do Campo
- Lugar: á beira do río Loira ao seu paso polo Campo
- Coordenadas UTM (X; Y, ETRS89 Fuso 29): 29T523831;4689536
- Coordenadas Google: 42.35772669960705, -8.710620920317576
Situado na beira do río Loira en Marín (Pontevedra), este exemplar ten unha altura de 47,20 m e un perímetro normal do tronco de 3,80 m, polo que é, sen dúbida, o de maiores dimensións desta especie en Europa, e posiblemente un dos de maiores dimensións do mundo. A súa monumentalidade pode deberse, por unha banda, a que se atopa nunha zona de difícil acceso para a maquinaria, o que evitou a súa talla, e, por outra, a que crece sobre terreo fértil e húmido, xa que corresponde a unha especie á que lle gusta vivir en lugares máis ou menos inundables e a súa localización, á beira do río Loira, facilita que as súas raíces teñan contacto constante coa auga. O seu tronco, de grandes dimensións, está fortemente engrosado na base para gañar estabilidade. A copa, de perfil irregular, non comeza a formarse ata superar os vinte e cinco metros de altura, onde se sitúan as primeiras ramificacións, xa que a forte competencia espacial á que estivo sometida esta árbore no pasado provocou a perda das ramas máis baixas.
