Paineira rosa da alameda de Pontevedra

Paineira rosa da alameda de Pontevedra
  • Especie: Ceiba speciosa (A. St.-Hil.) Ravena
  • Familia: Malvaceae
  • Altura: 15,40 m
  • Perímetro do tronco (1,30): 1,80 m
  • Diámetro da copa: 8,40 m
  • Idade estimada: 35-40 anos
  • Concello: Pontevedra
  • Parroquia: San Bartolomeu e Santa María de Pontevedra
  • Lugar: alameda de Pontevedra
  • Coordenadas UTM (X; Y, ETRS89 Fuso 29): 29T528878; 4697537
  • Coordenadas Google: 42.4296170375299, -8.648923671141993

Esta especie estaba incluída ata hai pouco no xénero Chorisia, nome xenérico dedicado a Louis Choris (1795-1828), nacido en Ucraína, aínda que de orixe alemá, recoñecido polas súas ilustracións en expedicións de investigación. O nome específico provén do latín speciosa, que quere dicir “belo, fermoso”, polo aspecto que presenta durante a floración.

O tronco é recto e cilíndrico, inchado desde o chan ata as primeiras ramificacións, coa casca verde-agrisada e cuberta de espiñas que acabarán por caer co tempo. A pouca altura do chan crece unha rama de grandes dimensións que se inclina cara ao paseo. Ademais do tronco recuberto de espiñas, chaman a atención as grandes flores de cor rosada, que aparecen antes de que agromen as follas, o que lle confire á árbore unha espectacular fermosura. Soamente outro exemplar de grandes dimensións situado en Gondomar compite en beleza con este monumento vexetal.