Palmeiral canario do pazo Baión
- Especie: Phoenix canariensis Hort. ex Chabaud
- Familia: Arecaceae
- Altura: 17,90 e 15,30 m
- Perímetro do estipe (1,30): 2,04 e 2,08 m
- Diámetro da coroa: 14,00 e 11,45 m
- Idade estimada: 130 anos
- Concello: Vilanova de Arousa
- Parroquia: Baión
- Lugar: pazo Baión
- Coordenadas UTM (X;Y, ETRS 89 FUSO 29): 29T522641;4712360
- Coordenadas Google: 42.563311500233716, -8.724170165681882
Trátase dun conxunto formado por 24 palmeiras canarias de grandes dimensións plantadas en dúas ringleiras na zona central da parcela y rodeadas de viñedos. É unha formación bastante homoxénea en canto a idade, tamaño e arquitectura dos exemplares. Medran sobre unha ampla plataforma basal, formada pola parte baixa do fuste e a masa radical máis superficial, da que xorden os estipes ou troncos, que crecen con moita verticalidade. As coroas, compostas por un gran número de palmas, son moi frondosas e teñen un bo estado de saúde.
Segundo a información facilitada polas persoas responsables do predio, proceden dun conxunto de palmeiras que se plantaron nese espazo a xeito de viveiro, coa intención de transplantalas a distintas zonas da parcela pasados uns anos. Despois do falecemento do propietario (fai 120 anos) as palmeiras non se transplantaron e medraron formando o fermoso conxunto actual.
