Plátanos de sombra do pazo de Castrelos

Plátanos de sombra do pazo de Castrelos
  • Especie: Platanus hispanica Mill. ex Muenchh.
  • Familia: Platanaceae
  • Altura: 42,10 e 43,20 m (dous exemplares destacados)
  • Perímetro do tronco (1,30): 5,13 e 5,60 m
  • Diámetro da copa: 25,20 e 24,70 m
  • Idade estimada: 100-120 anos
  • Concello: Vigo
  • Parroquia: Santa María de Castrelos
  • Lugar: pazo de Castrelos
  • Coordenadas UTM (X; Y, ETRS89 Fuso 29): 29T522405;4673820
  • Coordenadas Google: 42.216229005077984, -8.728544950840616

No pazo de Castrelos medran un centenar de plátanos de sombra e moitos superan os corenta metros de altura, o que nos dá unha idea da espectacularidade da formación. Os troncos, provistos nalgúns casos de grandes contrafortes na base, acadan tamén dimensións formidables que rozan en moitos casos os sete metros de perímetro basal. Aínda que se trata dun grupo numeroso de exemplares, cada un coas súas particularidades, na maior parte dos casos seguen unha estrutura común: tronco groso e robusto que non se ramifica ata dez metros de altura sobre o chan, e ramas principais que nacen na cruz e medran verticalmente ata alcanzar as alturas xa mencionadas. O estado sanitario é bo e o conxunto resulta realmente espectacular.