Sequoias de Massó

Sequoias de Massó
  • Especie: Sequoia sempervirens (D. Don) Endl.
  • Familia: Cupressaceae
  • Altura: 52,20 e 51,30 m
  • Perímetro do tronco (1,30): 5,15 e 5,85 m
  • Diámetro da copa: 16,00; 17,00 e 15,00 m
  • Idade estimada: 90 anos
  • Concello: Bueu
  • Parroquia: Santa María de Beluso
  • Lugar: predio de Forqueiros
  • Coordenadas UTM (X; Y, ETRS89 Fuso 29): 29T516639;4684810
  • Coordenadas Google: 42.31535348374722, -8.798083172604363

Conxunto formado por nove sequoias de grandes dimensións, aínda que son as dúas situadas na entrada da finca as que destacan entre as demais. Foron plantadas en forma de avenida ou dobre aliñación a ambos os lados do camiño de acceso ao predio; plantáronse máis exemplares, pero só nove chegaron aos nosos días.

Amosan troncos de grandes dimensións, moi ensanchados na base, con perímetros superiores aos cinco metros á altura do peito, e non comezan a ramificarse ata bastante altura, o que permite o paso baixo as súas copas. Teñen un perfil piramidal e moi regular.

No conxunto atópanse, cando menos, os dous exemplares desta especie máis altos de Galicia e de España. Segundo a información facilitada polos seus netos, as sequoias de Beluso foron plantadas en 1932 por Antonio Massó, procedentes de sementes que el mesmo trouxo dos Estados Unidos escondidas entre os seus calcetíns, pois naquela época estaba prohibido sacalas do país.