Sobreiral do Arnego

Sobreiral do Arnego
  • Especie: Quercus suber L.
  • Familia: Fagaceae
  • Altura: 19,40 m
  • Perímetro do tronco (1,30): 3,30 m
  • Diámetro da copa: 16,40 m
  • Idade estimada: 150 anos
  • Concello: Agolada, Lalín e Vila de Cruces
  • Parroquia: varias
  • Lugar: marxe do río Arnego
  • Coordenadas UTM (X; Y, ETRS89 Fuso 29): 29T0573290;4736094
  • Coordenadas Google: 42.77387828767717, -8.104109469159141

Este sobreiral, un dos máis extensos de Galicia, está situado nas marxes do río Arnego, entre o seu nacemento na serra do Faro e a súa confluencia co río Ulla. Trátase dun val moi amplo cunha notable influencia do clima mediterráneo. Esta singularidade maniféstase pola presenza das sobreiras, árbores máis características dos bosques mediterráneos e que aquí se mesturan con frondosas caducifolias, ofrecendo unha fermosa paisaxe.

As sobreiras teñen diferente dendrometría, como é lóxico nunha formación natural, pero a maior parte mostran fustes limpos de ramas ata superados os dous ou tres metros de altura, onde se sitúa a cruz, para formar copas amplas e moi abertas naqueles exemplares que medran sen competencia espacial. As sobreiras de maiores dimensións superan os dezanove metros de altura e os tres de perímetro normal do tronco.