Buxal do pazo Quinteiro da Cruz

Buxal do pazo Quinteiro da Cruz
  • Especie: Buxus sempervirens L.
  • Familia: Buxaceae
  • Localización natural: Europa, oeste e norte de África
  • Idade: entre 125 e 150 anos
  • Municipio: Ribadumia
  • Parroquia: Lois
  • Lugar: pazo Quinteiro da Cruz
  • Altitude: 70 m s. n. m.
  • Coordenadas: 42.530124, -8.727638
  • Titularidade: herdeiros de Victoriano Piñeiro Acosta (familia Piñeiro Lago)

Historia

O bosquete de buxo está disposto conformando unha sebe lineal que conduce á zona coñecida como o Bosque das Palabras, un espazo natural composto maioritariamente por carballos, castiñeiros, piñeiros e loureiros.

Os exemplares de buxo non foron sometidos á poda topiaria, polo que crecen libremente cun porte arbóreo e esvelto, e chegan a alcanzar unha notable altura. Destaca especialmente o grosor dos seus troncos, proba da súa antigüidade.

Aínda que non se coñece con certeza a data da súa plantación, crese que estes buxos foron plantados a finais do século xix, época á que tamén pertencen outras especies do xardín, coma as araucarias, as palmeiras ou os rododendros, entre outras.

Contorna

O pazo Quinteiro da Cruz, antiga casa de labranza do século xviii, é un excelente exemplo da arquitectura neoclásica galega. O predio, de aproveitamento mixto, abarca unha superficie de 70.000 metros cadrados e inclúe un xardín con zonas de pradería rodeado por áreas de bosque e viñedo.

O xardín, que alberga especies procedentes de todos os continentes, está composto por dúas áreas ben diferenciadas: unha zona máis antiga, creada a finais do século xix, que ocupa o espazo máis próximo ao pazo, e outra de desenvolvemento máis recente, configurada desde finais do século xx ata a actualidade.

Entre os elementos máis destacados do conxunto atópase a súa extensa colección de camelias, grazas á cal o pazo foi incluído en 2009 na Ruta da Camelia de Galicia, un itinerario botánico-cultural que agrupa catorce xardíns recoñecidos como parte do patrimonio natural e histórico galego. En concreto, o deste pazo recibiu en 2018 o prestixioso recoñecemento como xardín de excelencia internacional de camelia.