Camelias grandifloras do pazo de Rubianes
- Especie: Camellia japonica L.
- Familia: Theaceae
- Localización natural: Xapón, Corea do Sur e China
- Idade: sobre 195 anos
- Porte: 4,60 e 7,20 m
- Tronco (ramificación a 1,30 m): 5 e 70 ramas
- Copa: 5,15 e 9,80 m
- Municipio: Vilagarcía de Arousa
- Parroquia: Rubiáns
- Lugar: A Feira Nova
- Altitude: 70 m s. n. m.
- Coordenadas: 42.579376, -8.734301
- Titularidade: Pazo de Rubianes
Historia
As camelias son, sen dúbida, as grandes protagonistas do xardín do pazo de Rubiáns. A súa presenza remóntase a principios do século xix, cando comezaron a plantarse xunto con outras especies ornamentais de gran porte. Desde entón, foron gañando protagonismo e convertéronse nun símbolo do xardín e da súa historia botánica.
O xardín conta actualmente con máis de 2.000 exemplares de camelia, repartidos por todo o predio. Están identificados e clasificados nun rexistro detallado que inclúe o nome do cultivar, o ano de plantación, a súa procedencia e a localización exacta. Os exemplares deste lugar teñen unha historia estreitamente vinculada a Portugal, e especialmente á figura do duque de Camiña, quen, en 1830, lle regalou ao pazo algunhas das primeiras plantas de camelia que formarían a base da actual colección. Este xesto marcou o inicio dunha tradición botánica que converteu o xardín nun dos máis importantes de Galicia no que respecta ao cultivo e conservación desta especie ornamental.
Contorna
O conxunto de camelias máis antigo do predio está conformado por unha dobre liña composta por 18 camelias, situadas no camiño que leva ao estanque das ras. A maioría dos exemplares teñen porte arbustivo e están profusamente ramificados desde a base. Entre eles destacan, por posuír un maior porte, dous que pertencen aos cultivares de C. japonica 'Variegata' e 'Pomponia Alba'.
O valor histórico e botánico das camelias deste xardín foi recoñecido no ámbito internacional, motivo polo cal o pazo de Rubiáns foi distinguido en 2014 co título de xardín de excelencia internacional da camelia, un recoñecemento outorgado pola Asociación Internacional da Camelia. Ademais, o pazo é membro desta entidade desde os seus inicios en España, o que reforza o seu papel como referente na conservación, estudo e difusión desta especie.


