CASUARINAS da Alameda da praza de Compostela

CASUARINAS da Alameda da praza de Compostela
  • Especie: Casuarina cunninghamiana Miq.
  • Familia: Casuarinaceae
  • Localizacion natural: Australia, Malaisia e Polinesia
  • Idade: 100 anos
  • Porte: 16,70 m e 21,60 m
  • Tronco: 2,68 m e 2,62 m
  • Copa: 14,83 m e 17 m
  • Concello: Vigo
  • Parroquia: Vigo
  • Altitude: 10 m s. n. m.
  • Coordenadas: 42.239207, -8.722716
  • Propietaria/o: Concello de Vigo. Alameda da praza de Compostela

Historia

A Alameda ten a súa orixe nunha antiga plantación de álamos existente na zona do Areal de Vigo. O seu desenvolvemento formaba parte do primeiro ensanche proxectado e parcialmente executado na Cidade Olívica tras derruír as murallas. Este ensanche, denominado "nova poboación", tivo ademais a particularidade de ser o primeiro realizado a través dunha iniciativa privada.

Actualmente a Alameda de Vigo segue sendo centro de reunión e paseo das e dos habitantes da cidade e nela continúanse realizando eventos importantes. Este exemplar está citado como C. cunninghamiana por Rafael Areses no seu Nuestros parques y jardines.

Contorna

A Alameda de Vigo é o primeiro xardín público da cidade. Sitúase na praza de Compostela e á súa beira atópanse edificacións notables como a Oficina Central de Correos e Telégrafos ou a Oficina de Aduanas.

Esta zona verde naceu a finais do século XIX en terreos que foron gañados ao mar e o deseño débese ao arquitecto académico Domingo Rodríguez Sesmero, daquela arquitecto municipal de Vigo. Na Alameda, pola súa privilexiada localización, teñen lugar diversas feiras e exposicións ao aire libre.

As casuarinas están no extremo que linda coa zona do Areal, próxima á rúa de Urzáiz.