SOBREIRA da Peneda

SOBREIRA da Peneda
  • Especie: Quercus suber L.
  • Familia: Fagaceae
  • Localizacion natural: sur de Europa e norte de África (rexión mediterránea)
  • Idade: entre 250 e 500 anos
  • Porte: 12 m
  • Tronco: 7,5 m (na base) y 5,10 m (1,30 metros de altura)
  • Copa: 22,30 x 18,50 m
  • Concello: Redondela
  • Parroquia: O Viso
  • Lugar: A Peneda
  • Altitude: 310 m
  • Coordenadas: 42.3262456571, -8.5905173995
  • Propietaria/o: Comunidade de Montes Veciñais do Viso

Historia

A sobreira atópase nun dos espazos con máis carga histórica da comarca, o monte da Peneda, que foi emprazamento ao longo dos anos dunha gran diversidade de culturas e testemuño de importantes acontecementos históricos.

Na publicación O Viso. A construción dunha paisaxe cultural, editado pola Sociedade Cultural do Viso e elaborado polo arqueólogo Xurxo Constela Doce (A Citania Arqueoloxía e Xestión do Patrimonio, S. L.), menciónase a ocupación deste monte desde a Idade de Bronce ata a Idade Moderna, e cítanse acontecementos moi relevantes na historia de Galicia.

O espazo, repartido entre Soutomaior e Redondela, figura como xacemento arqueolóxico nos inventarios da Xunta de Galicia. Os vestixios máis antigos de ocupación do monte remóntanse aos petróglifos atopados na súa aba suroeste, hoxe desaparecidos baixo o manto de toxos; un castro galaico romano, con ocupación desde o final da Idade de Bronce ata a Romanización (desde o século IX a C. ata o II d. C.); unha fortaleza medieval, construída no século XV polo arcebispo Alonso de Fonseca II; e conta na actualidade cunha ermida, a da Virxe das Neves ou tamén chamada ermida da Virxe da Peneda (séculos XVI-XVII).

Destaca historicamente a construción do castelo de Castrizán, en 1477, polo arcebispo de Santiago Alonso de Fonseca, en tempos de guerra entre a mitra compostelá e a nobreza galega, co fin de ser un punto de control sobre os territorios de Soutomaior que pertencían a Pedro Madruga, dono do castelo de Soutomaior. O castelo de Castrizán foi derrubado tras un forte asedio, levado a cabo por Pedro Madruga; hoxe en día só quedan os cimentos e parte do muro defensivo, que conforman unha plataforma, onde na actualidade se localiza a ermida da Peneda.

Contorna

A árbore atópase no miradoiro do monte da Peneda, unha atalaia que representa o marco límite entre os concellos de Soutomaior e de Redondela, e que achega unha gran visibilidade panorámica da enseada de San Simón, da entrada da ría de Vigo e, ao fondo, das illas Cíes.

Cara ao outro lado do monte divísase todo o val do río Verdugo, que discorre entre os montes da serra do Suído e o castelo de Soutomaior.

Na aba sur do monte atópase un sobreiral con exemplares de menores dimensións.