SOBREIRA de Outeda
- Especie: Quercus suber L.
- Familia: Fagaceae
- Altura: 21 m
- Perímetro basal do tronco: 7,5 m (con contrafortes); 6,30 m (sen contrafortes)
- Perímetro do tronco (1,30 m): 4,4 m
- Diámetro da copa (DM x dm): 22,9 x 21,30 m
- Idade estimada: 300 anos
- Concello: Barro
- Parroquia: Santa María de Curro
- Lugar: Santo Antoniño
- Coordenadas de Google: 42.512108, -8.672983
Resolución do 15 de marzo de 2023 pola que se inclúe no Catálogo galego de árbores senlleiras con código 167A.
Historia
Trátase dun exemplar lonxevo que ten uns 300 anos de antigüidade. Existen referencias históricas e documentación fotográfica da árbore, xunto con información obtida das e dos veciños, das que se deduce que o exemplar puido ser plantado entre finais do século XVIII e principios do XIX.
Aínda que existen outras sobreiras incluídas no Catálogo galego de árbores senlleiras, este exemplar destaca pola súa gran altura (21 m) e polo volume da súa copa, de aproximadamente 23 m de circunferencia, só superado pola sobreira de Valiñas (A Estrada).
O estado xeral da árbore é bo, malia que na súa longa vida perdera algunha póla. Estas feridas reflíctense no seu tronco, o que lle dá personalidade e aumenta a súa singularidade.
Contorna
En 2011, a Xunta de Montes da parroquia de Curro levou a cabo obras de reacondicionamento do noiro onde se sitúa a árbore. Levantáronse muros de contención e nivelouse o terreo para preservar a integridade do exemplar e valorizar o lugar, e tamén se creou un espazo para o descanso e o recreo ao colocar bancos nas marxes da área, unha mesa de pedra debaixo da súa copa e unha zona axardinada. Así, agora trátase dun lugar de reunión para a xente da contorna en cuxo centro a sobreira ocupa un lugar destacado.
