SOBREIRAS de San Roque

SOBREIRAS de San Roque
  • Especie: Quercus suber L.
  • Familia: Fagaceae
  • Altura: desde 12,3 ata 18,3 m
  • Perímetro do tronco (1,30 m): desde 0,68 ata 1,38 m
  • Diámetro da copa (dm x dm): presentan unha copa reducida para o seu tamaño debido á proximidade de crecemento entre elas e a múltiples podas.
  • Idade estimada: 250 anos
  • Concello: Tomiño
  • Parroquia: Goián
  • Lugar: capela de San Roque
  • Coordenadas de Google: 41.944681, -8.760450

Resolución do 14 de novembro de 2023 pola que se fai pública a inclusión no Catálogo galego de árbores senlleiras co código 43F.

HISTORIA

A formación de sobreiras atópase nunha zona catalogada, segundo o Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Tomiño, como de especial protección de patrimonio pola gran concentración de elementos patrimoniais, coma o forte da Concepción, o forte das Chagas, a torre dos Correas e o forte de San Lourenzo.

Están situadas nun lugar de grande importancia desde o punto de vista cultural e histórico, no espazo fortificado coñecido coma forte da Concepción, que data do século xvii e foi testemuña das confrontacións entre España e Portugal naquela época, con constantes incursións dos dous exércitos a ambos os lados da fronteira. O forte foi construído polo Exército portugués.

Tras a desamortización, a zona fortificada foi parcelada e vendida e, dada a súa proximidade ao núcleo urbano de Goián, está en gran parte ocupada por vivendas unifamiliares; actualmente só queda algún resto do que foi a fortaleza orixinal. En mellores condicións de conservación atópase o forte de San Lourenzo, que forma parte do mesmo conxunto defensivo.

As sobreiras cobren a contorna anexa á capela de San Roque, que data da mesma época que a construción do forte e na que se celebra todos os anos unha romaría de gran tradición.

Esta capela, xunto coas sobreiras, aparece recollida na obra do pintor local Antonio Fernández, nun cadro que data da década dos anos corenta do pasado século e na que se observaba xa a maxestade dun dos exemplares.

CONTORNA

Trátase de 14 exemplares situados na contorna da capela de San Roque, nun espazo verde atravesado pola estrada que comunica o casco urbano de Goián co Espazo Fortaleza. Están distribuídos en catro grupos nunha superficie aproximada de 2.300 m2. Hai algún exemplar máis en propiedades privadas anexas a este espazo, pero son de menor porte.