A Deputación inicia as obras de mellora da estrada provincial EP-0002 Marco-Tomeza -Figueirido, nas que vai investir preto de 1,6 millóns de euros
A actuación, de 2,5 km de lonxitude, consiste na execución dunha senda peonil, na creación de zonas de convivencia, no soterramento das instalacións e na mellora da drenaxe e do firme
27/07/2026
A Deputación de Pontevedra acaba de iniciar as obras de mellora da estrada provincial EP-0002 Marco-Tomeza-Figueirido, nas que vai investir preto de 1,6 millóns de euros. A actuación, de 2,5 km de lonxitude, consiste na execución dunha senda peonil de 2,5 metros de ancho, na creación de zonas de convivencia, no soterramento das instalacións e na mellora da drenaxe e do firme. Está previsto que as obras de mellora rematen a finais de abril do 2027.
Os traballos de topografía comezaron dúas semanas atrás, coa marcaxe do trazado. Pola súa banda, a pasada semana iniciáronse os traballos de mellora da drenaxe naquelas zonas potencialmente inundables, co obxectivo de adiantar a actuación o máximo posible antes do inicio da temporada de choivas. Está previsto que en dúas semanas se comece a preparar o terreo para colocar instalacións na zona da senda.
En liñas xerais, esta actuación ten como obxectivo mellorar a seguridade viaria. Nestes momentos a estrada provincial EP-0002 non conta con beiravías nin con espazos adecuados para que as persoas transiten con garantías de seguridade. Con estas obras de mellora que acaban de comezar crearase unha senda peonil de 2,5 metros protexida do tránsito dos vehículos, que mellorará a mobilidade urbana sostible e fomentará hábitos de vida máis saudables ao favorecer o uso peonil nesta contorna. Ademais, en dous tramos, nos que non existe anchura suficiente da vía, vanse acometer dúas plataformas elevadas como zonas de convivencia de tráfico peonil e rodado, que, ao igual que a senda, serán pavimentadas con formigón coloreado.
A vía contará con novo firme e tamén se executará unha cuneta de formigón para a drenaxe, muros de contención e unha varanda de aceiro naqueles tramos da senda peonil onde existan desniveis perigosos. Tamén se canalizará o alumeado público, acondicionaranse as interseccións e dotarase á estrada de nova sinalización horizontal e vertical, limitando a velocidade a 30 km/h para favorecer unha maior seguridade viaria e o paso a unha economía baixa en carbono.