A Deputación tende a man aos organizadores do Surfin the Lérez para explorar vías de colaboración que “acheguen un gran de area” á continuidade dos seus proxectos

O presidente Luis López destaca a aposta estratéxica do goberno provincial polos festivais de música de toda a provincia con axudas para a súa organización ademais do patrocinio dos principais eventos baixo a marca Rías Baixas Fest

12/06/2026

Luis López na conferencia de prensa do 12 de xuño

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, ofrece a colaboración do organismo provincial, dentro da súa aposta estratéxica polos festivais de música de toda clase, aos promotores do Surfing the Lérez coa intención de achegar un “gran de area” que permita a continuidade dun festival que, despois de quince edicións, celebra esta fin de semana a súa derradeira romaría en Pontevedra. 

“Eu son festivaleiro e sinto con mágoa o que está pasando co Surfing the Lerez”, recoñeceu López antes de convidar aos promotores do festival a un encontro de traballo para explorar vías de colaboración que permitan garantir a continuidade dun dos eventos de maior tradición e que máis público atraen na provincia. “Quero manter unha reunión con eles para ver se esa decisión é reversible. Entendemos que para quen promove toda axuda é pouca, pero se é polo noso gran de area, que non se perda”, declarou o dirixente.

Neste sentido, o presidente provincial lembrou a aposta estratéxica que está a desenvolver o goberno provincial polos festivais de música que se celebran na provincia. A Deputación conta cun plan de axudas para axudar á organización destes eventos e, a maiores, cada ano o organismo provincial patrocina os eventos con máis tirón ao abeiro da marca Rías Baixas Fest.