A Bandeira Deputación de Pontevedra de Traiñeiras regresa quince anos despois coa estrea da categoría feminina e actividades para a canteira
A proba celebrarase este domingo, 21 de xuño, na ría de Vigo coa participación de 180 deportistas e a presenza dos principais clubs da provincia
16/06/2026
A Deputación de Pontevedra recuperará este domingo 21 de xuño a Bandeira Deputación de Pontevedra de Traiñeiras, unha competición histórica na provincia que regresa ao calendario tras quince anos de ausencia e que o fará ademais incorporando por primeira vez unha categoría feminina.
A competición reunirá a preto de 180 deportistas pertencentes a algúns dos clubs máis importantes da provincia como Amegrove CR -último campión no ano 2011-, CR Chapela, SD Tirán, SD Samertolameu, CR Mecos, Mar de Bueu ou CCD Cesantes.
A proba foi presentada este martes nas instalacións da SD Tirán coa presenza da vicepresidenta da Deputación e deputada de Deportes, Luisa Sánchez; a directora de Deportes, Xisela Aranda; representantes da Federación Galega de Remo, da Sociedade Deportiva Tirán e do Concello de Moaña. Durante o acto, Luisa Sánchez destacou a “ilusión” do organismo provincial por recuperar unha cita emblemática. Neste sentido, agradeceu a implicación do servizo provincial de Deportes, da Federación Galega de Remo e dos clubs para propiciar un regreso que “é posible grazas ao traballo en equipo”.
A xornada contará coa celebración da XXII edición masculina da bandeira e coa primeira edición feminina. Neste sentido, Luisa Sánchez asegurou que a creación da categoría de mulleres supón “un paso imprescindible e esperado” e salientou que a institución provincial quere que esta proba sexa “un símbolo do que defendemos desde a Deputación: igualdade, visibilidade e recoñecemento para as deportistas”.
Adicionalmente, e ao abeiro de O Noso Club, a xornada incluirá unha actividade dirixida á canteira para promover as traiñeiras entre as novas xeracións. Así, a primeira parte da xornada estará dedicada ao Campionato Remoergómetro Outdoor das Escolas Deportivas, unha iniciativa aberta de participación infantil e xuvenil que permitirá achegar o remo a nenos e nenas cun formato accesible.
Como resumo do significado desta Bandeira Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez sinalou que a Deputación dá con ela “tres pasos que consideramos necesarios: recuperamos unha competición con historia, lanzamos a primeira edición feminina e promocionamos o deporte desde a base”.
