A Deputación convoca a nova edición do programa Lecer en Familia con 3.000 prazas para desfrutar de estancias na provincia

Trala publicación das bases no BOPPO, o 1 de abril abrirá o prazo de presentación das solicitudes e as estancias terán lugar no cuarto trimestre do ano ou no primeiro de 2027

24/03/2026

A Deputación de Pontevedra convoca unha nova edición co programa Lecer en Familia, que volverá poñer á disposición das familias con menores ao seu cargo preto de 3.000 prazas en aloxamentos para gozar de estancias dunha noite con actividades socioculturais na provincia. Trala publicación este martes no Boletín Oficial da Provincia das súas bases, o prazo de solicitude estará aberto entre os días 1 e 15 de abril. O programa busca crear tempo de lecer de calidade para propiciar o benestar das familias, ademais de impulsar a creación e mantemento de postos de traballo no sector turístico durante os períodos de menor actividade.

As estadías deberán ter lugar entre o último trimestre deste ano e o primeiro de 2027, nunha noite de fin de semana (venres ou sábado), períodos non lectivos ou vésperas de festivos nun hotel da provincia de Pontevedra. As familias terán á súa disposición un catálogo de establecementos hoteleiros de tipo balneario, talaso ou spa, e hoteis de zonas urbanas ou rurais, con réxime de media pensión.

Das 2.957 prazas ofertadas 50 serán en réxime especial, subvencionadas pola Deputación ao 100%. As prazas do réxime xeral recibirán axudas que oscilan entre os 60 euros para as persoas maiores de 12 anos e os 30 euros para as de entre 3 e 12 anos, sendo de balde para os menores de 3 anos.

Os establecementos que participan nesta edición de Lecer en Familia son Hotel Nuevo Astur & Spa 3* (Sanxenxo), Hotel Carlos I Silgar 4* (Sanxenxo), Gran Talaso Hotel Sanxenxo 4* (Sanxenxo), Hotel Spa Nanin Playa 3* (Sanxenxo), Hotel Spa Bosquemar 3* (O Grove), Hotel Castro do Balneario 4* (Cuntis), Hotel Bienestar Moaña 4* (Moaña), Hotel Coia 4* (Vigo), Hotel Sercotel Tres Luces 3* (Vigo), Hotel Pazo O Rial 4* (Vilagarcía de Arousa), Hotel Val Convention 3* (Nigrán) e Hotel Restaurante Pontiñas 3* (Lalín).