A Deputación instala un stand para dar a coñecer a actividade do Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) no IV Salón de Animais de Compañía de Galicia

O posto informativo estará dispoñible entre o 9 e o 11 de outubro no Recinto Feiral de Pontevedra

06/10/2026

A Deputación de Pontevedra instala un stand para dar a coñecer a actividade do Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) no IV Salón de Animais de Compañía de Galicia. O posto informativo estará dispoñible entre este venres 9 e o domingo 11 de outubro no Recinto Feiral de Pontevedra e nel divulgarase a actividade deste centro que atende 52 concellos.

No IV Salón de Animais de Compañía de Galicia darase a coñecer a actividade do CAAN como centro de acollida de animais abandonados e divulgaranse as diferentes iniciativas que está a promover para reducir o abandono e incentivar a adopción. Tamén se presentarán as actividades que desenvolve o CAAN para impulsar o benestar animal, como poden ser as campañas de sensibilización ou as unidades didácticas que pon a disposición dos centros de ensino.

O CAAN comezou a funcionar no lugar de Busto, na parroquia da Armenteira, no ano 2013 para facer fronte ao abandono de animais, un problema de tipo humanitario con incidencia na salubridade pública e na seguridade viaria. Converteuse no primeiro centro deste tipo de carácter público autorizado pola Xunta de Galicia na provincia de Pontevedra e traballa garantindo o máximo respecto ás necesidades, ao benestar e aos dereitos dos animais. Desde a súa posta en marcha, o centro deulle a oportunidade de atopar un fogar a 6.647 cans e, nestes momentos, 209 cans agardan pola adopción no centro da Armenteira. Ademais ten en funcionamento un programa de control de colonias felinas que xa atendeu a 1.200 gatos.