A Deputación leva este sábado ata Mos a xeira de contacontos ‘Cantareiras, poesía popular nas Letras Galegas’

Trátase dunha actividade organizada pola institución provincial en colaboración con Polo Correo do Vento co gallo das Letras Galegas que se desenvolverá no Pazo de Mos ás 18:30 horas

19/06/2025

A Deputación de Pontevedra leva este sábado, 21 de xuño, ata Mos a xeira de contacontos 'Cantareiras, poesía popular nas Letras Galegas' organizada en colaboración coa compañía Polo Correo do Vento co gallo das Letras Galegas. A cita terá lugar ás 18:30 horas no Pazo de Mos e continuará ao longo dos próximos meses ata completar as 35 citas programadas destes obradoiros ao longo de todo o territorio provincial.

A Deputación ofrece de balde aos concellos da provincia esta actividade co fin de divulgar entre a infancia o papel fundamental das cantareiras para a conservación e difusión da lingua galega. Neles, percorrerase a biografía destas mulleres (personificadas nalgunhas figuras como as de Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda, Eva Castiñeira Santos, de Muxía, e Manuela Lema e mais Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, integrantes das Pandeireteiras de Mens, de Malpica) dun xeito ameno e participativo. Tamén interpretarán as pezas que cantaban estas mulleres, ademais de pezas propias de cada unha das localidades onde se desenvolvan as accións, e os contacontos rematarán cun obradoiro de debuxo no que os nenos e nenas terán que realizar unha caricatura dunha pandeireteira.

Tralo seu paso por Vila de Cruces, Barro, Bueu, Vilanova de Arousa, Moaña, Cerdedo-Cotobade, As Neves, Tomiño, Catoira, Poio, Redondela este venres e o sábado en Mos, en xullo esta actividade chegará aos concellos de Salvaterra de Miño (Casa da cultura o 4 de xullo ás 10:00 horas), Ponteareas (Parque da Perillana, 4 de xullo, 11:30 horas),  Portas (praia fluvial do río Umia, 8 de xullo, 10:00 horas), Vilagarcía de Arousa (CEIP A Lomba, 8 de xullo, 12:00 horas), O Porriño (Praza Arquitecto Antonio Palacios, 9 de xullo, 10:30 horas), Gondomar (CEIP Chano Piñeiro, 9 de xullo, 12:00 horas), O Grove (Casa da cultura Manuel Lueiro Rey, 10 de xullo, 11:30 horas), O Rosal (Auditorio municipal, 11 de xullo, 10:00 horas), Oia (CEIP Mestre Manuel García, 11 de xullo, 12:00 horas), Cuntis (Praza das árbores, 11 de xullo, 19:00 horas), Pontecesures (11 de xullo, 21:00 horas), Pazos de Borbén (Área recreativa do torreiro de festas de Nespereira, 13 de xullo, 19:00 horas), Mondariz (Xardíns do Concello, 13 de xullo, 20:30 horas), Cambados (Biblioteca Luís Rei, 15 de xullo, 11:30 horas), Meaño (CEIP Coirón-Dena, 17 de xullo, 10:30 horas), Ribadumia (Piscina municipal, 17 de xullo, 12:00 horas), Moraña (Edificio multiusos, 22 de xullo, 12:00 horas), A Lama (Campo de fútbol municipal de Racelo, 23 de xullo, 11:00 horas), Ponte Caldelas (Casa da Cultura, 23 de xullo, 12:30 horas), Cangas (Xardíns de Andrea, 24 de xullo, 20:00 horas) e Soutomaior (Carballeira do peirao de Arcade, 27 de xullo, 18:00 horas).

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.