A Deputación impulsa unha nova edición do Ciclo Mestre Mateo, que levará unha mostra do mellor cinema galego ao Campo Lameiro, A Estrada, Mondariz e Oia
O deputado de Cultura, Jorge Cubela, presentou no Pazo provincial a programación en 2026 desta actividade posta en marcha coa colaboración da Academia Galega do Audiovisual
09/10/2026
O deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra, Jorge Cubela, presentou este venres no Pazo provincial a quinta edición do Ciclo Mestre Mateo, unha iniciativa impulsada pola institución provincial para proxectar as longametraxes finalistas dos Premios Mestre Mateo en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual, que estivo representada polo seu vogal Milo Baños. Ao acto tamén acudiron representantes dos catro concellos onde se levarán a cabo as proxeccións este ano: O Campo Lameiro (a concelleira Delia Carramal), A Estrada (a concelleira Lucía Seoane), Mondariz (o concelleiro Francisco Rico) e Oia (a alcaldesa, Cristina Correa). Este venres terá lugar en Mondariz a primeira proxección: “As liñas descontinuas”, de Anxos Fazáns, ás 20:00 horas na Casa Cultural de Mouriscados.
O deputado de Cultura, Jorge Cubela, asegurou que o Ciclo Mestre Mateo é “unha oportunidade para achegar a cultura ás vilas e parroquias” co fin de democratizar o seu acceso e achegala a localidades que non contan con salas de cinema comercial. O deputado sinalou o “frechazo” que tivo a Deputación coa Academia Galega do Audiovisual para a posta en marcha de proxectos como o Ciclo Mestre Mateo, os premios María Luz Morales ou a celebración da gala dos Premios Mestre Mateo en Lalín. Ademais, destacou o “orgullo de que, de oito títulos que se van proxectar, catro conten co apoio da nosa liña de patrocinios Rías Baixas Acción, o cal amosa o noso bo ollo, xa que estamos detrás de proxectos que se acaban convertendo en finalistas dos premios máis importantes do noso sector”. Cubela avogou por “seguir apoiando a profesionalización do audiovisual, que é un motor económico moi relevante", e por que a cultura sexa “unha arteria principal das nosas políticas, atendendo a súa transversalidade”.
No marco do Ciclo Mestre Mateo cada concello participante poderá acoller oito proxeccións de cintas que resultaron finalistas nos Premios Mestre Mateo deste ano, con catro títulos de ficción (“Antes de nós”, de Ángeles Huerta, “As liñas descontinuas”, de Anxos Fazáns, “San Simón”, de Miguel Ángel Delgado, e “Sirāt”, de Oliver Laxe) e outros catro documentais (“360 curvas”, de Alejandro Gándara Porteiro e Ariadna Silva Fernández, “Ao son da nova regueifa”, de Manolo Maseda e Saúl Rivas, “Deuses de pedra”, de Iván Castiñeiras Gallego, e “O silencio herdado”, de Lucía Dapena González).
No Campo Lameiro as proxeccións terán lugar no Centro Cultural Sobrino Buhigas, na Estrada nos Cines da Estrada e en Oia no Centro Cultural de Pedornes. En Mondariz as proxeccións rotarán por diferentes localidades e espazos culturais da vila como a Casa Cultural de Meirol, a de Frades e a de Queimadelos, o Casino de Vilasobroso, a Escola de Redo en Vilar, o Teleclube de Riofrío e a Escola de Lougares.
