A Deputación programa este sábado no Museo a 65ª edición de ‘Á Luz dos Candelabros’, o concerto do alumnado internacional de Música en Compostela
Será o 8 de agosto ás 19:00 horas no Edificio Castelao, con entrada libre ata completar a capacidade
03/08/2026
O Museo de Pontevedra acolle un ano máis o concerto ‘Á Luz dos Candelabros’, unha cita que chega este ano á súa 65ª edición. O alumnado do curso internacional Música en Compostela, chegado de múltiples países de todo o mundo, actuará diante do público nunha cita que se repite no Museo xa desde a década de 1960. Será o sábado 8 de agosto ás 19:00 horas no Edificio Castelao, con entrada libre ata completar a capacidade.
O curso internacional Música en Compostela fundouse en 1958 e leva desde entón atraendo músicos de todo o mundo que cada verán chegan a Galicia para formarse en música española. A edición deste ano celébrase do 2 ao 15 de agosto.
O director de Música en Compostela é o indio Ashan Pillai, tamén profesor de viola e música de cámara. Completan o cadro de profesorado María José Montiel (canto), Diego Ares (clavecín), David del Puerto (composición), Juan de la Rubia (órgano), Stephan Picard (violín), María de Macedo e Thomas Carroll (violonchelo), Jose María Gallardo del Rey (guitarra), José Sierra Pérez (musicoloxía), Carmen Cruz_Simó (polifonía) e Josep_María_Colom e Patrín Gracía-Barredo (piano).
