A Deputación inicia o proceso de contratación das obras na estrada que vai a Matalobos, na Estrada, por 430.000 euros

As obras levaranse a cabo en dous tramos que suman un total de 4,1 km de lonxitude e teñen por obxecto garantir unha mellor prestación do servizo público e incrementar a seguridade para os usuarios

19/06/2026

Luis López na conferencia de prensa do 19 de xuño

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou hoxe a aprobación do expediente de contratación para as obras de mellora da drenaxe e a seguridade viaria na EP-7004 Alto da Cruz-Santeles, no Concello da Estrada, cun orzamento de 430.000 euros. 

As actuacións centraranse en dous treitos concretos da vía, sumando máis de 4,1 quilómetros de lonxitude, co obxectivo de garantir unha mellor prestación do servizo público viario e incrementar a seguridade para os usuarios. As obras inclúen a renovación completa do firme, a execución dun novo sistema de drenaxe, a retirada de elementos deteriorados e a implantación de sinalización horizontal actualizada. Ademais, levaranse a cabo actuacións de demolición e adaptación de accesos, así como a xestión de residuos derivados dos traballos. 

“Unha semana máis, seguimos sumando recursos e aprobando investimentos para mellorar a nosa rede de estradas provinciais e avanzar na seguridade destas infraestruturas que son fundamentais para vertebrar o noso territorio.”, confirmou o presidente provincial.