A Deputación garante co Plan ReacPon a transformación da Rúa Alexandre Bóveda no concello do Grove

Carmela Silva e José Cacabelos asinaron un convenio de case un millón de euros co que o concello do Grove ofrecerá á veciñanza un espazo no que se favorece a mobilidade peonil e a accesibilidade

04/02/2022

Firma do convenio ReacPon co alcalde do Grove
 

“Outro proxecto máis que se suma á colaboración que desnde 2015 a Deputación está a facer co concello do Grove e que se engade ao investimento histórico da institución provincial. Ningún outro organismo ou administración fixera tanto en tan pouco tempo na nosa vila”. Así falou hoxe José Cacabelos, alcalde do concello, da próxima humanización da rúa Alexandre Bóveda que será financiada a través do Plan ReacPon. Fíxoo durante a sinatura do convenio de colaboración entre a Deputación e o Concello na que tanto a presidenta, Carmela Silva, como o rexedor municipal se lembraron doutras actuacións que a institución provincial fixo posibles no concello como o desdobramento da Avenida Beiramar. A elas súmaselle agora esta nova transformación que conta cun orzamento de preto dun millón de euros (999.388) que será financiada pola Deputación (722.865€) e o Concello (276.523).

A presidenta provincial explicou as obras que farán da rúa Alexandre Bóveda unha “contorna amable onde a xente poida desfrutar e atoparse en espazos cheos de zonas verdes”, e lembrou que o concello do Grove está a levar a cabo unha “gran transformación do centro urbano” á que agora se suma este proxecto de humanización financiado a través do Plan ReacPon. Neste senso, para Carmela Silva, “O Grove está irrecoñecible, a transformación é tremenda e con esta actuación faremos que sexa aínda maior”. Ademais, a presidenta provincial amosou o seu desexo por que comecen as obras e ver “a xente feliz desfrutando dun espazo público que permite a convivencia”.

Carmela Silva fixo énfase na importancia que ten o Plan Concellos á hora de que estes poidan facer fronte aos seus gastos ordinarios, “sobre todo cando teñen tan pouco financiamento doutras administracións públicas”, e fixo referencia á Xunta de Galicia, a cal dedica “cero recursos” ao concello do Grove que tamén “conta coa imposibilidade total de poder desenvolver grandes proxectos porque a administración autonómica pon impedimentos incluso para desenvolver proxectos con recursos propios ou doutras administracións”. Polo tanto, coa sinatura deste convenio do ReacPon con recursos extraordinarios, “a Deputación está permitindo que a veciñanza do Grove poida ter dereitos, servizos e a construción dunha vila con todas as garantías”. “Facémolo con criterios obxectivos, con bases absolutamente claras onde se poden presentar todos os concellos, que poden obter financiamento sen ter en conta quen goberna”, remarcou.

Igualdade de oportunidades para tódolos concellos en lugar de convenios directos

O Plan ReacPon ofreceu igualdade de oportunidades a todos os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia, en contraste coa sucesión de convenios directos e subvencións opacas que reparte habitualmente a Xunta de Galicia entre os da súa mesma cor política, poñendo así á veciñanza da meirande parte dos municipios desta provincia nunha situación de desvantaxe en relación á calidade dos servizos que recibe.

José Cacabelos asegurou que hoxe foi “un día moi importante porque sumamos un novo proxecto de transformación que realizamos co obxectivo de dar á nosa veciñanza espazos de convivencia, de socialización, espazos que son unha continuación dos nosos fogares”. Para o alcalde este convenio é un exemplo de “demostración da gran política, da colaboración para transformar a realidade e facer unha vila que facilite o desenvolvemento das persoas”. Subscribiu as palabras da presidenta ao asegurar que “cando os proxectos van acompañados de financiamento a política faise realidade, e -matizou- o que fai a Xunta respecto ao Grove son moitísimas promesas”. Neste sentido, “as infraestruturas dependentes da Xunta nunca avanzan, nunca se transforman, nunca cambian, nunha nos permiten avanzar como vila porque falta a parte importante que é o financiamento”.

O proxecto

Esta achega do Plan ReacPon permitirá dar continuidade á primeira fase de humanización da rúa Alexandre Bóveda co obxectivo de favorecer a mobilidade peonil e a accesibilidade da que é unha das principais rúas do centro. Farao potenciando a mobilidade alternativa e inclusiva, os espazos seguros (con beirarrúas máis amplas e a redución da velocidade) e a recuperación do concepto de rúa como espazo amable.

O proxecto inclúe a reordenación de espazos creando unha plataforma única e eliminando un dos carrís de circulación para aumentar os anchos das sendas peonís que serán dun mínimo de 2,5 metros. A rúa tamén contará cun novo alumeado público máis moderno e eficiente, así como coa renovación das redes de abastecemento, saneamento, mobiliario e xardinería e con prazas de aparcamento para a recarga de vehículos eléctricos. Todo isto acompañado da plantación de 47 magnolias e outras plantas, 10 bancos e 12 papeleiras.

videos