O Plan ReacPon da Deputación impulsa a posta en valor do centro urbano de Vila de Cruces cunha actuación de case 900.000 euros

Carmela Silva subliña que Cruces gaña un espazo “accesible, inclusivo, seguro e funcional”

04/03/2022

 

“Vila de Cruces estará máis fermosa dentro de ben pouco e terá máis visitantes, porque á xente gústanlle os concellos con espazos amables”. Con estas palabras a presidenta da Deputación, Carmela Silva, asinou hoxe co alcalde de Vila de Cruces, Luis Taboada, o convenio do plan Reacciona Pontevedra (ReacPon) que suporá a transformación do centro urbano  cunha ambiciosa actuación de recuperación de espazo público na rúa Vázquez, a arteria principal e máis comercial do municipio. O proxecto suporá a mobilización de  892.360 euros, dos que a Deputación achega o 75% (596.681 euros) e o Concello o 25% restante e que o alcalde non dubidou en cualificar como “moi, pero que moi importante”.

Carmela Silva destacou que o de Cruces “é un convenio moi querido” porque na Deputación, engadiu, gustan especialmente “os proxectos que recuperan para as persoas o espazo público deseñado para os coches, e gústanmos sobre todo porque fan que haxa máis vida, que a xente se relacione, promovendo a convivencia e afastando a exclusión social”. A presidenta provincial subliñou que os concellos teñen moitas ideas, pero carecen dos recursos para executalas e, por este motivo, a Deputación, ademais do Plan Concellos para as actuacións ordinarias, saca adiante plans extraordinarios como os de Reequilibrio, DepoRemse e agora o ReacPon “que converten esas ideas en realidades”. Aproveitou este punto para reclamar do resto das Administracións, como o Goberno do Estado e a Xunta de Galicia para que apoien o desenvolvemento rural. “Os concellos pequenos necesitan de grandes investimentos para que a xente quede a vivir”, apuntou.

O alcalde Luis Taboada amosouse “agradecido de corazón” pola achega de case 600.000 euros que fai a Deputación “nun proxecto moi, pero que moi importante porque actúa sobre o núcleo mesmo de Cruces”. Explicou que a rúa Vázquez, ademais, precisaba renovar os seus servizos, dado que conta con saneamento de fibrocemento que sofre constantes avarías. Ademais recalcou que a obra será un beneficio para o comercio e para todo o pobo creando “unha rúa máis humana”. O alcalde tamén expresou o seu agradecemento á Deputación polo apoio ao municipalismo e ao mundo rural: “Está a dar un exemplo institucional”. Un agradecemento que fixo extensivo á atención que se está a prestar á rede de estradas provinciais, tanto con obras como con labores de mantemento. “Os concellos pequenos temos moita extensión e cada vez menos poboación e dependemos moito do apoio desta Deputación”.

Nun ambiente moi cordial, Taboada aproveitou para invitar a Carmela Silva a visitar as obras unha vez que comecen ou a inauguralas cando rematen e comprometeuse a compartir mesa e mantel para degustar un galo de curral e brindar por que a Deputación continúe axudando aos concellos rurais. Silva aceptou de inmediato a invitación e destacou que se a provincia de Pontevedra presume de peixes e mariscos tamén ten motivos para facelo dos produtos gastronómicos do seu interior “e o galo é unha referencia internacional de Vila de Cruces”.

A actuación do ReacPon


As obras na rúa de Vázquez supoñen actuar sobre unha superficie de 4.255 metros cadrados entre a rotonda coa rúa Souto ata a travesía Vázquez 2. Todo este espazo, agora dedicado integralmente aos vehículos, cun dobre sentido de circulación, será transformado nunha plataforma única amable e segura, con preferencia peonil, e cun único sentido de circulación. As obras inclúen tamén a renovación da rotonda, que pasa a incorporarse á zona de preferencia peonil. Mesmo cambiará de forma, pasando de elíptica a un círculo de cun diámetro de 22 metros e cun carballo no centro.  Na marxe Sur da rúa construirase un aparcamento e na zona Norte apostarase pola introdución de mobiliario urbano con xardineiras e bancos para o goce das persoas. Os espazos estritamente peonís contarán tamén con arbustos e macizos de plantas aromáticas. O proxecto contempla, finalmente, a renovación completa das redes de abastecemento de auga, saneamento, subministración de electricidade, gas e alumeado público (que, ademais, eliminará as lámpadas de alto consumo para substituílas por leds).
 

videos