A Deputación remarca que a provincia concentrou en xuño ao 34% dos visitantes que chegaron a Galicia e continúa medrando o turismo estranxeiro, cun 3% máis que no 2025
O turismo internacional supón case o 40% dos visitantes que chegaron á provincia o pasado mes. Entre os visitantes internacionais que visitan a oficina de turismo do Palacete das Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas, destacan os franceses, italianos e portugueses
27/07/2026
A Deputación remarca que a provincia de Pontevedra concentrou en xuño ao 34% dos visitantes que chegaron a Galicia e continúa incrementando a porcentaxe de turistas estranxeiros, cun 3% máis que o rexistrado no mesmo mes do 2025. Deste xeito, o turismo internacional supón case o 40% dos visitantes que chegaron á provincia o pasado mes, destacando entre o público que acude á oficina de turismo do Palacete das Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas, os franceses, italianos e portugueses.
Medran os visitantes en xuño, rexistrándose un 1% máis que os que chegaron a provincia en xuño do pasado ano, e tamén medra a ocupación hoteleira, un 2% máis que a acadada no mesmo mes do 2025. Nalgúns puntos concretos da provincia, como a cidade de Pontevedra, o aumento da ocupación foi de ata un 14% máis que o acadado o pasado ano. Con respecto ao 2025, a ocupación hoteleira tamén medra por riba da media en Vigo (un 4,4% máis), en Sanxenxo (un 4% máis) e no Grove (preto dun 4% máis).
No que respecta ao mes de xullo, a oficina de turismo do Palacete das Mendoza recibiu, ata a data, máis de 4.300 visitantes, sendo o 80% españois (Madrid, Barcelona e Sevilla, principalmente) e o 20% estranxeiros (Francia, Italia e Portugal). Alóxanse maioritariamente en hoteis durante entre 7 e 15 días e visitan a provincia motivados pola oferta de ocio e o Camiño de Santiago. Neste eido, neste mes de xullo percorreron xa algunhas das rutas cara Compostela que atravesan a provincia preto de 32.000 persoas peregrinas, sendo o Camiño Portugués o máis transitado (15.283 persoas), seguido do Camiño Portugués pola Costa (14.996), a Vía da Prata (1.111) e o Camiño do Inverno (323 persoas). Trátanse principalmente de persoas estranxeiras (75%) que proceden, na súa maioría, de Estados Unidos, Portugal, Italia e Alemaña.