A Deputación amplía ata o 31 de outubro o prazo para presentar o proxecto redactado de execución da ponte peonil internacional As Neves-Monçao
Trátase dunha actuación que se enmarca no convenio de colaboración asinado entre a institución provincial e a Agrupación Europea de Cooperación Territorial do Río Miño -AECT Rio Minho, cun orzamento de preto de 100.000 €
14/01/2026
A Deputación acaba de aprobar a addenda do convenio asinado coa Agrupación Europea de Cooperación Territorial do Río Miño -AECT Rio Minho para ampliar o prazo de redacción do proxecto de execución da ponte peonil internacional As Neves-Monçao ata o 31 de outubro. Esta actuación conta cun orzamento de preto de 100.000 € dos que a Deputación de Pontevedra achega o 50%.
Nestes momentos a AECT Rio Minho está licitando o contrato para sentar as bases da que será a ponte peonil que unirá o Concello das Neves con Monçao. Deste xeito, e co obxectivo de sincronizar os prazos do procedemento que está xestionando a parte portuguesa, a Deputación deu luz verde a estender seis meses mais, ata o 31 de outubro, o prazo para presentar o proxecto. “Un proxecto -tal e como asegurou o presidente provincial Luis López na presentación da iniciativa- realista, o primeiro da década que se converterá nunha realidade porque, nesta ocasión, téñense dado pasos en serio e hai vontade, interese e ganas de traballar para que saia adiante”.
A Deputación de Pontevedra está a traballar para converter o Miño nun punto de unión entre dous pobos historicamente irmandados, cunha cultura, patrimonio e identidade compartidas, e nun centro de cooperación territorial e de impulso das potencialidades da eurorrexión Galicia -Norte de Portugal. Neste eido, o organismo provincial investiu nos dous primeiros anos de mandato máis de 835.000 euros para poñer en marcha iniciativas para estreitar lazos e fomentar a colaboración entre ambos territorios.