A Deputación celebra este domingo o Día Europeo da Música cun espectáculo que leva por título “Percorrendo a nosa Galicia. No Torreiro”
A Agrupación Folklórica Celme será a encargada da actuación que terá lugar no exterior do Pazo provincial da Deputación en Pontevedra ás 12:30 horas
15/06/2026
A Deputación de Pontevedra celebra este domingo 21 de xuño o Día Europeo da Música cun espectáculo que leva por título “Percorrendo a nosa Galicia. No torreiro”. A Agrupación Folclórica Celme será a encargada da actuación que terá lugar no exterior do Pazo provincial da Deputación en Pontevedra ás 12:30 horas, con entrada libre.
Con esta celebración, o organismo provincial pretende poñer en valor o traballo das agrupacións musicais, tanto populares como tradicionais, como é o caso das agrupacións folclóricas. Deste xeito, con “Percorrendo a nosa Galicia. No Torreiro” amosarase a riqueza de Galicia tanto en canto á música, como ao canto, o baile e o traxe, a través dunha combinación de pezas instrumentais con gaitas, tambores, bombos, pandeiretas, acordeóns, latas, vieiras e aixadas; cancións cantadas por pandereteiras e danzas interpretadas por parellas mixtas, todo elo a cargo da Agrupación Folclórica Celme.
Ademais desta actuación, a Deputación de Pontevedra completará as actividades en torno á celebración do Día da Música coa presentación da publicación “Redondela (pasodobre galego)”, destinada a difundirse entre as bandas de música e que terá lugar na propia vila de Redondela en xullo.
