Preto de 1.300 persoas participan esta semana no programa da Deputación “En ruta coa Depo”

Veciños da Estrada, Redondela, Cerdedo-Cotobade, Nigrán, Marín, Mos, O Grove, Salceda de Caselas, Vigo, Lalín, Vilaboa, Ponte Caldelas, Vilagarcía de Arousa, Pontevedra e da Guarda participan en 24 saídas para coñecer lugares singulares da provincia

04/09/2023

A Deputación de Pontevedra organiza esta fin de semana 24 saídas no marco do programa provincial “En ruta coa Depo”, unha iniciativa que lles ofrece aos colectivos sociais da provincia a posibilidade de pasar un día de convivencia, ocio e tempo libre en lugares emblemáticos do territorio provincial. Entidades dos concellos da Estrada, Redondela, Cerdedo-Cotobade, Nigrán, Marín, Mos, O Grove, Salceda de Caselas, Vigo, Lalín, Vilaboa, Ponte Caldelas, Vilagarcía de Arousa, Pontevedra e A Guarda mobilizarán un total de 1.279 persoas (ata 54 por entidade) para coñecer emblemas da provincia coma a ría de Arousa, A Illa de Ons e as Cíes, o monte Aloia en Tui, o conxunto histórico de Cambados ou a Casa da Navegación en Baiona, entre outros.

O martes 5 de setembro a Asociación Coral Rosalía de Castro de Vilagarcía de Arousa fará un percorrido polo castro de Santa Trega, na Guarda, o conxunto histórico de Tui, o monte Aloia e o Alto dos Cubos, mentres que as Escravas da Virxe Dolorosa de Mos farán o mércores 6 de setembro a ruta da cultura mariñeira polo mosteiro de Poio, a illa de Tambo e Combarro.

A Asociación de Veciños de Alvedosa, de Redondela, sairá o xoves 7 de setembro cara a Cambados para facer unha ruta que inclúe a visita ao seu conxunto histórico, ao Museo Etnográfico e do Viño, ás ruínas de Santa Mariña Dozo, o pazo de Fefiñáns e o Museo do Muíño de Mareas da Seca.

O venres 8 de setembro a Asociación de Mulleres Rurais Adro Vello do Grove percorrerá o conxunto histórico de Baiona, a Casa da Navegación e os paseos de Monte Boi e marítimo, mentres que a Asociación de Mulleres Lúa de Bembrive (Vigo) visitará a Illa da Toxa e o Museo Salgadeiras de Moreiras no Grove.

O sábado 9 de setembro once entidades da provincia sairán con “En ruta coa Depo”. A Asociación para o Crecemento e Orientación en Familia da Estrada e a Asociación de Veciños A Camoesa da Parroquia de Camos, de Nigrán, sairán cara á Illa de Ons e o barrio de Portonovo (Sanxenxo). A Asociación de Enfermos de Artrite de Redondela e a Asociación de Mulleres O Abeiro de Marín visitarán a illa de Tambo, Combarro e o mosteiro de Poio. Cara ás illas Cíes e ao barrio do Berbés dirixiranse tres entidades: a Asociación de Veciños e Amigos Santiago de Caroi de Cerdedo-Cotobade, Medrar 2.0 de Lalín e a Asociación Cultural Cobres de Vilaboa. A Asociación de Veciñas e Veciños da parroquia de Orazo (A Estrada) fará un percorrido polo santuario de Santa María da Franqueira da Cañiza, o Centro de Interpretación da Cera de Covelo e o Museo do Viño de Salvaterra de Miño. Por último, a Asociación de Veciños San Tomé de Parderrubias de Salceda de Caselas e a Asociación de Veciños de San Pedro de Matamá A Unión de Vigo realizarán a ruta mariñeira pola ría de Arousa.

O domingo 10 de setembro participarán no programa da Deputación outras dez entidades. O Círculo Artístico Deportivo Gato Negro de Vilagarcía de Arousa, a ANPA Os Valados do CEIP Vilaverde de Pontevedra e a Sociedade Os Amigos de Camposancos da Guarda visitarán A Illa de Ons e Portonovo. O percorrido pola ría de Arousa, a Illa da Toxa e o Museo Salgadeiras de Moreiras do Grove farano a Asociación da Terceira Idade Quiñones de León de Vigo e a Asociación Cultural e Artística Os Contentos de Ponte Caldelas, mentres que a Asociación de Veciños Santo Paio de San Pedro de Campañó de Pontevedra e a Asociación Cultural Xeada de Vilagarcía de Arousa visitarán as illas Cíes e o barrio do Berbés de Vigo. Finalmente, a Agrupación Cultural Xunco deSalceda de Caselas e a Asociación de Mulleres de Vilaboa visitarán o mosteiro de Poio, a illa de Tambo e Combarro.

A través de “En ruta coa Depo”, a Deputación de Pontevedra fomenta a participación, a convivencia e a cohesión social dos colectivos sociais da provincia a través de 33 rutas temáticas nas que, en total, este ano participarán preto de 20.300 persoas e case 400 asociacións da provincia. Todas as prazas do programa, que conta cun orzamento próximo aos 480.000 euros, están subvencionadas pola institución provincial. Delas, 300 prazas son financiadas ao 100 % co obxectivo de achegarlles o programa ás persoas con dificultades económicas ou en risco de exclusión social.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 16 resultados.