Máis de 1.000 persoas participan esta semana no programa da Deputación “En ruta coa Depo”

Veciños de Cangas, A Estrada, Lalín, A Lama, Mos, Nigrán, Ponteareas, Pontevedra, Salceda de Caselas, Silleda, Vilaboa e Vigo participan en 22 rutas para coñecer lugares singulares da provincia

28/09/2023

A Deputación de Pontevedra organiza esta semana 22 saídas no marco do programa provincial “En ruta coa Depo”, unha iniciativa que lles ofrece aos colectivos sociais da provincia a posibilidade de pasar un día de convivencia, ocio e tempo libre en lugares emblemáticos do territorio provincial. Entidades dos concellos de Cangas, A Estrada, Lalín, A Lama, Mos, Nigrán, Ponteareas, Pontevedra, Salceda de Caselas, Silleda, Vilaboa e Vigo mobilizarán un total de 1.012 persoas (ata 54 por entidade) para coñecer lugares da provincia coma a ría de Arousa, A Illa de Ons e as Cíes, o castro de Santa Trega  na Guarda, ou a Casa da Navegación de Baiona, entre outros.

Este xoves 28 a Asociación Juan XXIII de Pontevedra percorrerá Cambados e pasará por diferentes puntos do municipio coma o seu conxunto histórico, o Museo Etnográfico e do Viño, as ruínas de Santa Mariña Dozo, a bodega do pazo de Fefiñáns (con degustación) e o Museo do Muíño de Mareas da Seca.

Pola súa banda, este venres 29 de setembro  a Asociación de Xubilados e Pensionistas de Salceda de Caselas visitará o mosteiro de Aciveiro en Forcarei e outros espazos de interese do concello de Silleda, coma o mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro, o castro de Toiriz e a fervenza do río Toxa. O Centro Cultural de Xinzo en Ponteareas realizará unha ruta en barco pola ría de Arousa para despois ir ata a Illa da Toxa e o Museo da Salga do Grove.

Para o sábado 30 hai sete rutas establecidas. A Asociación de Mulleres do Municipio de Silleda e a Asociación Veciñal Cultural e Recreativa San Mamede de Zamáns de Vigo teñen previsto visitar o mosteiro de Poio, a illa de Tambo e Combarro. No mesmo día, a Confederación Española de Organizacións de Maiores (COGAMA) de Vigo desprazarase ata Lalín para coñecer o Centro Castrodeza, o pazo de Liñares e a Casa d0 Patrón. Tamén realizarán actividades durante o sábado a Asociación de Mulleres en Igualdade de Cercio de Lalín e a Asociación Cultural O Rubal da Picoña de Salceda de Caselas, que darán un paseo pola ría de Arousa con paradas na Illa da Toxa e no Grove. Ademais, a asociación Igualdade e Mulleres da Estrada e a Asociación de Vecinos Verdecedo de los Barrios de Berducido da Lama planean unha saída ás illas Cíes e polo barrio mariñeiro do Berbés en Vigo.

A programación de “En ruta coa Depo” desta semana finaliza o domingo, 1 de outubro, con dez saídas planificadas. A asociación Terceira Idade “Garatuxa” de Vigo visitará tres pazos, dous de Pontevedra e un da Estrada, ademais da Ruta das Maceiras de Callobre. Outra entidade que tamén irá de ruta é a Asociación de Veciños de San Roque de Pontevedra e a Asociación de Mulleres Rurais A Torre da Barreira de Riobó, na Estrada, que se achegarán ao mosteiro de Poio, á illa de Tambo e a Combarro. Ademais, a asociación Centro Cultural Parada do Miñor de Nigrán desprazarase ata Cambados, onde poderá ver o Museo Etnográfico e do Viño, as ruínas de Santa Mariña Dozo ou a bodega do pazo de Fefiñáns, entre outros lugares de interese; a ANPA Celenis do colexio Alfonso VII de Caldas de Reis chegará a Cangas e Bueu para percorrer zonas coma Cabo Home ou visitar o Museo Massó; e a Asociación Cultural Con de Nerga de Cangas irá ata Agolada para coñecer lugares do concello coma os Pendellos ou a Casa-Museo A Solana de Piloño. Nesta mesma xornada participarán no programa da Deputación a Sociedade Cultural e Recreativa Peña Deportiva Santa Eulalia de Mos, cunha ruta polo parque natural do río Barosa; e as asociacións de Veciños Santa Cristina de Cobres (Vilaboa), de Mulleres Rurais San Andrés de Vea (A Estrada) e de Folclore Tradicional Os Ventos de Comesaña (Vigo) pasearán en barco pola ría de Arousa con paradas na Illa da Toxa e no Grove.

A través de “En ruta coa Depo”, a Deputación de Pontevedra fomenta a participación, a convivencia e a cohesión social dos colectivos sociais da provincia a través de 33 rutas temáticas nas que, en total, este ano participarán preto de 20.300 persoas e case 400 asociacións da provincia. Todas as prazas do programa, que conta cun orzamento próximo aos 480.000 euros, están subvencionadas pola institución provincial. Delas, 300 prazas son financiadas ao 100 % co obxectivo de achegarlles o programa ás persoas con dificultades económicas ou en risco de exclusión social.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.