A Deputación abre as inscricións para a cuarta parada de Entre Pontes, que recala en Cerdedo-Cotobade cun trail de 14 quilómetros, unha andaina e carreiras infantís
O evento, de participación gratuíta, celebrarase o 1 de novembro con saída e meta na Praia Fluvial de Cerdedo, onde se instalará unha zona de convivencia con foodtrucks e DJ
05/10/2026
Entre Pontes Trail & Running vén de abrir as inscricións para a cuarta parada do circuíto promovido pola Deputación de Pontevedra, que recalará en Cerdedo-Cotobade o próximo domingo 1 de novembro. A xornada combinará deporte, natureza e ocio cun trail de 14 quilómetros, unha andaina non competitiva de sete quilómetros e carreiras infantís adaptadas a diferentes tramos de idade. A participación é de balde nas tres probas.
A praia fluvial de Cerdedo converterase no epicentro da xornada. Ademais de ser punto de partida e meta da carreira principal, acollerá unha zona de convivencia, foodtrucks gratuítas, DJ e animación musical.
O trail de 14 quilómetros, que conta con 500 prazas, discorrerá por pistas forestais e sendeiros nun 90%. O resto do trazado pasará por tramos de ligazón urbana. Mentres, a andaina familiar, de dificultade media-baixa e con 150 vacantes, só tocará zonas de monte. Por último, as carreiras infantís contarán con cinco categorías diferentes para 150 nenos e nenas de entre 3 e 15 anos.
“O plan de domingo é redondo. Deporte para quen queira competir, andaina para quen queira facer exercicio na súa xusta medida, actividade para nenos e nenas e, ademais, unha zona gastronómica e de esparexemento”, salientou a vicepresidenta da Deputación, Luisa Sánchez, durante a presentación desta cuarta parada de Entre Pontes, na que tamén participaron o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, e a directora de Deportes, Xisela Aranda.
Ante a boa resposta que está tendo esta primeira edición de Entre Pontes, a tamén deputada de Deportes animou a formalizar a inscrición canto antes. “En Arousa, Vigo e Gondomar as prazas voaron nuns poucos días. Así que animo a darse présa e non deixar pasar a oportunidade”, apuntou.
Pola súa banda, Jorge Cubela confesou que Cerdedo-Cotobade acolle este evento “con moita ilusión” porque supón un “escaparate inmellorable” para que os centos de persoas que visitarán a vila, tanto participantes como acompañantes, “coñezan as fermosas paraxes que temos e acaben volvendo”. Neste sentido, subliñou que o trazado pasa por case todas as aldeas da parroquia de Cerdedo e aproveita as dúas principais rutas de sendeirismo do municipio, como a Frei Martín Sarmiento e Cabenca-Cavadosa.
Finalmente, Xisela Aranda explicou que o trazado do trail, cun desnivel de 445 metros, é “esixente” pero puxo énfase no “bonito reto” que supón completar esta carreira. Ademais, avanzou que o percorrido permitirá poñer en valor a “riqueza paisaxística” da provincia.
