A Deputación supervisa a mellora da mobilidade peonil na estrada provincial EP-4001, no Concello de Ponteareas, na que está a investir preto de 660.000 euros
A deputada de Infraestruturas, Belén Cachafeiro, visita o tramo de case un quilómetro obxecto da actuación, onde se está a executar unha senda de 2,5 metros e cunetas de seguridade, así como a mellorar a drenaxe e a iluminación e a repoñer o firme e a sinalización
11/06/2026
A Deputación de Pontevedra supervisa a mellora da mobilidade peonil na estrada provincial EP-4001, no Concello de Ponteareas, na que está a investir preto de 660.000 euros. A deputada de Infraestruturas, Belén Cachafeiro, xunto coa alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, acaba de visitar o tramo de case un quilometro obxecto da actuación, onde se está a executar unha senda de 2,5 metros e cunetas de seguridade, así como a mellorar a drenaxe e a iluminación e a repoñer o firme e a sinalización.
Tal e como destacou a deputada provincial Belén Cachafeiro, “nestes momentos as obras de mellora da funcionalidade e seguridade da vía -que contan con financiamento da Unión Europea a través do Plan de Sostibildiade Turística en Destino Condado-Paradanta. Unha terra entre ríos- avanzan a bo ritmo”. Segundo remarcou, a actuación abrangue un treito de preto dun quilómetro, entre os puntos quilométricos 0+810 e o 1+710, desta estrada provincial que une o núcleo urbano de Ponteareas co rural da Gaiosa, na parroquia de Fontenla. “O noso obxectivo con esta actuación é darlle prioridade ao tránsito peonil, incrementando o espazo ocupado polas beirarrúas e creando zonas de convivencia nos treitos nos que o ancho non permite o cumprimento das condicións de accesibilidade”, subliñou Cachafeiro.
Deste xeito, no primeiro treito da EP-4001 estase a manter a calzada e a ampliar a beirarrúa esquerda sobre a banda de estacionamento. Entre os puntos quilométricos 0+930 e o 1+140, así como noutros treitos intermedios, executarase unha senda de 2,5 metros de ancho na marxe esquerda e unha cuneta transitable na dereita. Pola súa banda, dotarase ás zonas onde non se pode cumprir a normativa de accesibilidade de plataformas de convivencia para uso compartido entre o tráfico rodado e o peonil. Finalmente, no treito final, ante a imposibilidade de crear itinerarios peonís en condicións de seguridade, óptase por pavimentar sobreanchos con cuneta transitable.
A actuación completarase co fresado do pavimento en entronques e zonas necesarios, coa instalación de dous redutores físicos de velocidade e tamén dous pasos de peóns sobreelevados. Ademais, reporase a rede de recollida de augas pluviais e a de iluminación pública, con canalizacións soterradas e columnas de aceiro con luminarias led. Finalmente, acondicionarase unha zona verde con cinco bancos e renovarase tanto a sinalización horizontal como a vertical.
